SANTIAGO DE COMPOSTELA | Galicia
xa estaba en crise antes da pandemia, pero a COVID exacerbou até a emerxencia a
situación no ámbito sanitario, económico e social e neste contexto deixar atrás
o dogma do déficit cero imposto polo centralismo, -do que Feixóo foi un aplicado
alumno desde o Goberno da Xunta-, é máis urxente que nunca.
Así o explicou a portavoz nacional,
Ana Pontón, na súa intervención parlamentaria en relación aos orzamentos de
2021 cunha proposta clara por parte da líder do BNG: suprimir o teito de gasto nas
contas públicas do próximo ano. “Non se pode poñerlle un corsé ao goberno cando vemos que está en xogo a vida das persoas.
Necesítase investir máis e investir ben”, argumentou, tras recalcar que a COVID “está
tirando por terra os dogmas neoliberais e centralistas da última década e hoxe ninguén
discute que a austeridade, que tanto abrazou Feixóo, sería un suicidio social,
sanitario e económico”.
Por contra, o que necesita Galiza, recalcou, “é un
autogoberno máis forte para poder protexer mellor a nosa sociedade”, nun momento en que
vemos como a crise fai que en pleno século XXI haxa colas nas grandes cidades
para poder acceder a alimentos.
“As consecuencias da crise condénsanse en imaxes que
son demoledoras para calquera goberno, como as que publicaban varios medios de
comunicación estes días de persoas facendo cola na Galiza de 2020 para acceder
a comida e bens de primeira necesidades. Fíxese que titular señor conselleiro: tristeza e resignación nas colas da fame da
Coruña, cada vez máis extensas. Ou este outro: O paro disparado leva cada dia a máis xente ás portas de institución
benéficas”, argumentou Pontón.
Neste contexto, non hai lugar para fixar
un teito de gasto que, no mellor dos casos, é un parche provisional, porque de
pouco vale suspender temporalmente as regras fiscais para facilitar uns
orzamentos expansivos e despois volver aplicar unha “draconiana” redución en
aras do déficit cero, alegou a líder do Bloque, “o límite de gasto para 2021 simplemente
supón adiar a 2022 e seguintes fortes recortes sociais”. “Hoxe o que se precisa é investir máis
e investir ben para reforzar a sanidade pública, para garantir o dereito a unha vellez
digna, para fortalecer a educación
pública para rescatar a quen xa está pagando esta crise, que son as mulleres, a
xente nova, a pequena e mediana empresa ao sector da hostalaría, da cultura ou
do comercio”, demandou.
Na súa intervención Pontón recriminou
a falta de ambición e compromiso do xefe do Executivo á hora de defender os
intereses de Galicia, tanto a curto prazo no que se refire ás transferencias
estatais para o vindeiro ano como, a medio prazo, á hora de reclamar un cambio do modelo de
financiamento e acabar coa discriminación do sistema actual.
“Galiza ten que contar cun marco
estable que achegue máis recursos e para iso é preciso concertar un novo sistema
de financiamento que nos dea plenas capacidades
fiscais para dotarnos de ingresos coa autonomía e a suficiencia precisa.
Xusto o que non demanda Feixóo”, criticou.
De feito, salientou, os datos que
acompañan o teito de gasto “son un exemplo da insuficiencia do sistema de
financiamento”, posto que os recursos que achegará o sistema de financiamento
para os orzamentos de 2021 son 125 millóns de euros menos que este ano. A propia Consellería de
Economía recoñece que o previsto incremento das contas públicas de
2021 se debe a unha transferencia extraordinaria do Estado, aos 430 millóns do fondo COVID europeo, -Next Generation-, e a incremento do déficit.
“De non ser así, o teito de gasto para
2021 sería mesmo inferior ao de 2020”, recalcou Pontón. En definitiva, “Galiza
non necesita un teito de gasto, non necesita limites e corsés, ao contrario é
necesario expandir o investimento público se queremos darlle unha resposta á
crise sanitaria, económica, social e emocional que nos deixa a pandemia”,
sintetizou, tras recalcar que non existe un dilema entre salvar vidas e salvar
a economía, senón que o primeiro é un imperativo ético e moral que pon as bases
para conseguir o segundo. Departamento de comunicación