SANTIAGO DE COMPOSTELA | O presidente do Goberno galego, Núñez Feijóo, anunciou hoxe
melloras no proceso de detección de casos covid cun sistema de
autodeclaración e 300.000 novos tests de antíxenos dispoñibles. Durante
a súa comparecencia no Parlamento para abordar as medidas que se están a
adoptar fronte á segunda onda da covid-19, Feijóo aseverou que Galicia
traballa para lograr tres obxectivos prioritarios: ter capacidade para
responder á presión sanitaria; velar polas persoas e ámbitos máis
vulnerables; e evitar un segundo confinamento xeneralizado, “que tería
efectos moi nocivos para o presente e para o futuro”.
Para
garantir o primeiro obxectivo, o titular do Executivo autonómico
destacou -ademais do reforzo desde o punto de vista profesional e
material do sistema sanitario público-, o esforzo constante para
garantir o máis axeitado proceso de detección de casos. E, neste
sentido, avanzou novas melloras, como unha maior especialización da
central de seguimento de contactos e a creación de áreas específicas,
como a creada para o seguimento dos casos relacionados coa educación.
Así
mesmo, resaltou a implantación dun sistema de autodeclaración a través
de internet, para que aquela persoa que considere que pode ser contacto
dun positivo introduza os seus datos e a central de seguimento se poña
en contacto con ela para facerlle a enquisa, descargando así aos
profesionais de atención primaria destes casos. “E, desde o 4 de
novembro, atópanse dispoñibles na plataforma loxística do Sergas outros
300.000 tests de antíxenos para o seu uso por parte dos servizos de
urxencias hospitalarias e da atención primaria”, resaltou, garantindo
ademais que as persoas identificadas como contacto estreito dun positivo
se dean automaticamente de alta no sistema TELEA.
Sobre este último punto, afirmou que esta medida permitirá que -aínda
que o seu seguimento diario sexa realizado pola central, polas
xefaturas territoriais e polos servizos de prevención-, os profesionais
de primaria dispoñan de información histórica actualizada no caso de ser
finalmente positivo e converterse en paciente covid.
Velar polos máis vulnerables e evitar un novo confinamento xeneralizado
No
tocante ao segundo obxectivo: velar polas persoas e ámbitos máis
vulnerables, Feijóo confirmou que, a partir das vindeiras semanas,
poñerase en marcha nas residencias de maiores un proxecto piloto de
detección temperá a través das augas residuais, co fin de saber se hai
covid nunha residencia e poder actuar antes de que haxa sintomatoloxías. “E
estamos traballando para perfeccionar o modelo de residencias hoxe e no
futuro: cunha compenetración máis estreita entre os servizos sanitarios
e a atención social; con melloras estruturais que axuden a responder de
xeito óptimo a situacións como esta; e aproveitando o potencial das
novas tecnoloxías para a monitorización da saúde e o benestar dos
usuarios”, recordou.
Ao longo da súa intervención, o responsable
do Executivo galego referiuse tamén ao eido educativo, resaltando a
responsabilidade coa que os rapaces, as familias e os traballadores
educativos están a responder. E garantiu que a Xunta seguirá poñendo
todo o que está ao seu alcance para que poidan continuar o curso o máis
seguros posible. En relación ao terceiro obxectivo: evitar un novo confinamento
xeneralizado, Feijóo asegurou que Galicia traballará con este fin e
seguirá graduando as medidas en función da gravidade de cada momento e
en función da incidencia de cada lugar.
“Lamentablemente non
podemos desbotar que o modelo neste proceso sexa o de peches e aperturas
progresivas ata que haxa vacina. É a única opción de controlar o avance
da pandemia, mantendo un nivel de actividade aceptable”, sentenciou,
incidindo en que o alivio das medidas decidirase en base a un só
criterio: a proposta do comité clínico, segundo a evolución
epidemiolóxica de semanas anteriores.
Apoio aos sectores máis castigados
No
eido económico, o responsable do Goberno galego referiuse a un dos
sectores “nos que vai ser preciso volcarnos nas vindeiras semanas”: o da
hostalería. Sobre este punto, recordou que a Xunta aprobou, desde o
primeiro minuto, axudas para paliar os efectos do peche. “E xa
adianto que tamén deseñaremos con eles instrumentos de apoio para
enfocar a reapertura, como axudas a fondo perdido para a instalación de
terrazas, de acordo coa normativa municipal”, dixo, anunciando tamén a
aprobación no Consello de mañá dun mecanismo de financiamento
específico, como a liña IFI-COVID, dotada con 10 millóns de euros, para
os sectores máis castigados –vendedores ambulantes, economía social,
ocio nocturno, ocio infantil…-, con tres anos de carencia e a tipo
practicamente cero.
Nesta mesma liña, e para paliar os danos que
está a sufrir un dos sectores clave para a economía, destacou a
necesidade de sumar esforzos, apelando ao Goberno central para que
reduza ao 4% o IVE turístico e a que manteña os ERTE o tempo que sexa
necesario, de acordo coas limitacións sanitarias; e para que introduza
criterios que faciliten o acceso ás axudas aos autónomos. “E apelo tamén
aos concellos para que contemplen unha moratoria das taxas municipais
durante o tempo que dure esta situación”, resaltou.
Na súa comparecencia, o titular da Xunta fixo fincapé na necesidade
de sentar as bases necesarias para afrontar a recuperación. E, nese
obxectivo, recoñeceu o papel da Comisión para a reactivación creada na
Cámara galega e confirmou que, neste mes de novembro, rexistrarase na
Cámara unha Proposición de lei de reactivación, “que proporemos
tramitar de forma áxil”, precisou, ao tempo que engadiu que nesta
reactivación será clave ademais a consecución dos fondos europeos.
Recordo aos falecidos e recoñecemento á responsabilidade de todos os galegos
Feijóo
concluíu a súa intervención cun recordo para as persoas que, ata este
momento, faleceron en Galicia pola covid. “A ausencia dos que se foron
marcará para sempre esta época que nos tocou vivir. Nada poderá
compensar a súa falta”, dixo.Así mesmo, agradeceu unha vez máis a
todos os galegos a súa resposta, marcada pola responsabilidade, a
seriedade e o cumprimento das normas. E subliñou que nese esforzo
colectivo estivo desde o primeiro momento, está permanentemente e
seguirá estando ata que remate esta situación a Xunta de Galicia.
“Unha
crise permanente como esta non se combate cun Goberno central
intermitente. E por iso, contra iso, a Xunta segue e seguirá presente:
tomando decisións, por difíciles que estas poidan resultar; e dando
todas as explicacións, coa maior claridade e transparencia. Non temos
máis compromiso que o de acertar; que o de protexer Galicia, o noso
sistema sanitario público e o noso tecido produtivo; e conseguir que as
medidas de hoxe se traduzan en boas noticias mañá”, aseverou.