El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Economí­a

POLÍTICA | BNG

O BNG propón un plan de rescate integral para o sector hostaleiro e turístico

Entre as medidas: duplicar as axudas directas até os 30 millóns, rebaixar alugueres e actuar na fiscalidade co aprazamento de taxas e impostos.

12-11-2020 15:36:58

O BNG mantivo un encontro co sector da hostalería e do turismo para valorar a situación e as medidas a adoptar a curto e medio prazo nun dos ámbitos da economía máis impactados pola pandemia, e cun peso clave en termos de emprego e de afectación noutros sectores. Neste sentido, a formación nacionalista demanda un plan de rescate integral coa suficiente dotación orzamentaria “que debe estar operativo canto porque son moitos os pequenos e medianos establecementos ao límite, que necesitan un salvavidas inmediato antes de verse abocados ao peche definitivo”, salienta a portavoz nacional, Ana Pontón.

“Hai que recordar, alegou, que na crise de 2008 se destinaron só en Galiza, 9.000 M€ para rescatar a banca, así que podemos rescatar ao sector turístico e da hostalería que enchen de emprego e de actividade económica as e cidades”. A líder do Bloque subliñou que este plan de rescate pode ser financiado con cargo a liña de fondos europeos REACT, que para o período 2021-2022 vai estar integrado no fondo COVID da UE. Salientar que, con cargo ao Next Generation, o BNG cifra nun mínimo de 12.600 M€ a contía que debería recibir Galiza, o equivalente ao 9% do total, “recursos que deben ir destinados a rescatar ás PEMES, ao tecido empresarial e produtivo do país, no que o sector da hostalería e do turismo teñen un peso clave”, explicou.

No inmediato, o BNG demanda axudas directas para paliar as consecuencias do peche total, “que significa cero ingresos na maior parte dos casos, pero as facturas non están confinadas e seguen chegando puntualmente”, salientou, “o que non pode facer un Goberno responsable que ten a obriga de anticiparse é cortar de raíz a actividade dun sector esencial sen poñer sobre a mesa ningunha axuda”, recriminou. Por iso, e en liña coas peticións do sector, o Bloque demanda 30 millóns de euros en axudas directas para poder compensar cando menos o 50% das perdas, o que supón duplicar o anuncio de 12 millóns feito desde a Xunta. “Como explica o propio sector, esa contía deixaría fora das axudas ao 75% dos locais. Euskadi, por exemplo, que ten 1/3 dos establecementos de hostalería de Galiza ten en marcha unha liña de axudas de 45 millóns”, alega.
O BNG tamén formula medidas de apoio actuando sobre a fiscalidade, como aprazar o pago do IRPF e do IVE do cuarto trimestre de 2020 até doce meses, ampliar o prazo dos pagos fraccionados do imposto de sociedades e un IVE reducido do 4% para o sector da hostalería e do turismo.

Igualmente, a posibilidade de quitas e exoneración do pago das cotizacións da seguridade social correspondentes ao tempo do peche; negociar coas entidades bancarias o aprazamento do pago de créditos, un plan de promoción e estímulo nas cidades por ser as máis afectadas polas restricións e facilitar a redución do alugueiro dos locais até un 50% cada mes mentres dure a pandemia. No encontro de traballo participaron representantes do cluster do Turismo de Galiza e das principais asociacións de hostalería de todas as provincias, ademais do portavoz parlamentario nesta materia, Daniel Pérez.

Preguntada pola tramitación do proxecto de orzamentos do Estado, Pontón explicou que o BNG negocia co PSOE e con Podemos “coa vontade clara” de chegar a un acordo co goberno central, “pero ese acordo só será posible se se mellora o investimento previsto para Galiza até un mínimo de 1.000 M€, porque é totalmente inaceptable que unhas contas do Estado que suben recollan unha caída no investimento para Galicia.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias