Até
en tres ocasións a viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, preguntou á conselleira
delegada de DOMUS Vi cantos recursos públicos recibe esta empresa do Executivo
de Feixóo, na súa comparecencia na Comisión de reactivación, pero sen resposta
por parte de quen ten baixo a súa responsabilidade 18 residencias privadas, -a
maior parte con prazas concertadas coa Xunta-, e xestiona 12 centros
residenciais públicos.
“Por iso lle pregunto canto diñeiro
recibe DOMUS Vi do Goberno galego”, interpelou Rodil, tendo en conta que
segundo informa a propia empresa, “Galiza é o segundo territorio no que máis
facturan dentro do Estado”. Tras facer un recoñecemento ao traballo do persoal
das residencias, “cuxa entrega
seguramente fixo que a traxedia non fose maior”, a viceportavoz puxo a atención
sobre un modelo de coidados de maiores privatizado que converte o dereito a
unha vellez digna nun lucrativo negocio para un puñado de empresas.
No caso de DOMUS Vi ademais, -recalcou-,
“as súas residencias convertéronse na cara máis dramática da pandemia con
centos de contaxios e centos de falecementos”, como nos casos das residencias de
San Lázaro (Santiago), Barreiros, Aldán (Moaña), Outeiro de Rei, Matogrande (A
Coruña), Ribadumia ou Oleiros.
O Consello de Contas xa tiña recollido
nun informe de 2016 que centros desta multinacional incumprían as condicións no
relativo ao persoal de atención directa, así como os pregos de condicións das
prazas concertadas coa Xunta, ao que se suman denuncias das traballadoras de
varios centros.
“Desde o BNG queremos traer a esta
Cámara unha reflexión máis profunda sobre o modelo de coidados das persoas maiores
absolutamente privatizado, que converte
a vellez nun negocio e o que fixo esta crise da COVID foi deixalo en evidencia
de maneira dramática”, explicou, tras sinalar que un colectivo de apenas 20.000
persoas usuarias dunha residencia acapara máis do 40% das vítimas mortais, 447
a día de hoxe. Rodil argumentou que “a maior
responsabilidade da situación é dun Goberno do PP que permite e mesmo promove
este modelo, pero iso non exime de responsabilidade a empresas como DOMUS Vi, sobre
todo porque malia ser un modelo privatizado recibe cantidades inxentes de
diñeiro público, tamén do Executivo galego”, alegou.
Por iso, o BNG considera “absolutamente
prioritario” mudar o actual sistema de residencias e avanzar cara un modelo que garanta o dereito a unha vellez
digna, “para que nunca máis os nosos maiores se sintan abandonados por un
sistema privatizado que pon o lucro por riba da saúde das persoas, que fai da
vellez un negocio”, concluíu.
Rodil pechou a súa intervención tomando
a palabra para recriminar ao presidente da comisión, o popular Diego Calvo, despois de que este trasladase unha desculpa en
nome do Parlamento á conselleira de delegada, Josefina Fernández, por entender
que os grupos non se cinguiron ao regulamento: “a única desculpa que cabe é a
que a señora Fernández lle debería facer ás vítimas e as súas familias”,
concluíu. Departamento de comunicación