O
BNG ten toda a disposición a negociar co Goberno do Estado pero o voto
favorable aos orzamentos de 2021 ten unha cifra concreta: un investimento
territorializado de mil millóns de euros en Galicia como contía mínima.
A formación nacionalista valora os
elementos positivos desas contas, como a redución histórica nas peaxes da AP9
grazas ao acordo de investidura, que demostra que ter “voz propia” no Congreso é
clave para defender os intereses dos e das galegas, fronte as forzas estatais
que se alternan nos recortazos a Galicia. Pero non é suficiente.
“Sabemos que os e as deputadas galegas
do PP votarán en contra recollan o que recollan os orzamentos e sabemos que o
PSOE votará a favor digan o que digan esas contas, que pulsarán o botón
seguindo as instrucións que lle marquen Casado e Sánchez, porque para eles os
intereses do partido están por riba dos intereses deste país”, denunciou a
portavoz nacional, Ana Pontón, para quen “non poden considerarse sociais uns
orzamentos que discriminan a Galiza”.
“Cando se alega que son contas
expansivas e sociais para recriminar ao Bloque teño que dicir que os orzamentos
son igual de expansivos e socias en Cataluña ou en Valencia, por poñer un
exemplo, e neses territorios o investimento sube un 48 e un 45% respectivamente.
Porque non ese mesmo trato para Galiza?”, alega Pontón, “non podemos aceptar un novo recortazo como
se aquí non houbese necesidades que atender, máxime nun contexto de crise
económica e social que ten a moitas persoas e a moitos sectores contra as
cordas”.
Nestor Rego: "Estamos
dispostos a negociar co Goberno do Estado pero non imos colaborar nunha
discriminación con Galiza"
Na mesma liña se expresou o deputado
Nestor Rego na comparecencia para explicar as emendas parciais aos orzamentos
do Estado. “Estamos con total disposición de negociar, pero o BNG non vai
colaborar nuns orzamentos que discriminan a Galiza e o que cabe preguntarse é
porque outras forzas políticas están dispostas a facelo”, indicou, en
referencia ao PSOE, “quen sen embargo non ten problema en votar coa extrema
dereita de VOX e co PP cando se trata de impedir que se investigue a corrupción
da monarquía”.
Nunhas contas que medran un 20%, no que
as partidas de investimentos reais e transferencias de capital suben un 138%,
-explicou o deputado nacionalista-, Galiza baixa un 11% “e iso é o que queremos
cambiar” durante a tramitación. En concreto, Rego subliñou que as
emendas parciais presentadas polo Bloque están en relación con tres eixos:
infraestruturas, políticas sociais e medio ambiente. Así, fanse melloras na rede ferroviaria interna, tanto no
norte entre Ferrol e A Coruña, como na rede FEVE, nas conexións interiores e con Portugal.
Igualmente, conexión por tren para o porto exterior da Coruña e para que o
Estado asuma a súa débeda.
No ámbito social, compensar a débeda en
dependencia, -para o que se pide 250 millóns de euros adicionais-; suprimir a
taxa de reposición de xeito prioritario na sanidade e contribuír á
redistribución de rendas aumentando nun punto o imposto de patrimonio a partir
dun millón de euros. En relación ás propostas ambientais, Rego destacou a
rexeneración das rías, -unha vez logrado xa a inclusión da Ría do Burgo-, recollendo
tamén compensacións por actividade cesante ao sector marisqueiro.
A millonaria cifra destinada a gastos
imprevistos, o gasto militar, (que de excluír os fondos europeos suporía o 40%
do incremento) ou a Casa Real, -que sube un 7% pese ao “espectáculo” que está
dando nos últimos tempos-, son partidas das que o BNG considera posible recortar
a favor dun mellor trato a Galiza e para mellorar os orzamentos no seu
conxunto.
“O que temos claro no Bloque é que imos
defender os intereses de Galiza e iso significa que o investimento mínimo debe
ser de 1.000 millóns de euros se o Goberno de Sánchez quere contar co noso apoio”,
concluíu Pontón. Departamento de comunicación