MADRID | O portavoz do Bloque
Nacionalista Galego no Congreso, Néstor Rego, anunciou que, entre as emendas
aos Orzamentos Xerais do Estado que a formación nacionalista vén de rexistrar
está prever unha partida de 200 millóns de euros para a intervención pública da
factoría de Alcoa en San Cibrao.
Rego salienta que a negativa da multinacional
norteamericana a vender a planta de aluminio só deixa a vía da intervención
pública para garantir a continuidade da actividade na comarca da Mariña e o
mantemento da totalidade dos máis de 1.000 postos de traballo afectados polo
fechamento da planta. Por esta razón, o BNG ve imprescindíbel que se prevexa
unha partida nestes orzamentos que permita afrontar a nacionalización do
complexo de San Cibrao.
O deputado nacionalista lembrou que hai unhas semanas
foi aprobada no Congreso dos Deputados unha iniciativa do BNG instando o Goberno
español a iniciar a intervención pública de Alcoa para salvar os postos de
traballo e evitar a parada das cubas. Néstor Rego lembra que esta iniciativa
“foi apoiada polos dous partidos do Goberno do Estado, PSOE e Unidas Podemos,
así como polo Partido Popular, que detén a presidencia da Xunta de Galiza”.
Unha iniciativa similar foi aprobada tamén no Parlamento de Galicia.
Rego reiterou que a solución ao fechamento de Alcoa
non virá da man de decisións xudiciais, polo que resulta preocupante que, quer
a Xunta quer o Ministerio, se inhiban de actuar e se limiten a esperar a
decisión dos Tribunais en lugar de tomar a iniciativa e dar unha saída política
á situación pola vía da intervención pública, a única posíbel neste momento.
Os nacionalistas instan o Goberno español e o
Goberno galego a se poren de acordo para actuar da forma máis inmediata posíbel
para garantir que a intervención da planta de aluminio saia adiante e advirten
que calquera resultado que acabe en cesamento da actividade e despedimentos
será tanto responsabilidade de Alcoa como de ambas administracións. Departamento de comunicación