SANTIAGO DE COMPOSTELA | Denunciar
a violencia contras as mulleres é importante sempre, - o 25N e os 365 días do
ano-, porque está en xogo o benestar, o desenvolvemento persoal e as aspiracións
da metade da poboación e porque está en xogo o dereito das mulleres a vivir a súa
vida plenamente, en liberdade e como cada unha decida.
“Temos dereito a ser libres e iguais,
a estar no mundo como queiramos sen ter que pagar pola nosa liberdade, mesmo
coa vida”, destacou a portavoz nacional, Ana Pontón, na presentación da campaña
do BNG con motivo do 25N que leva por lema 'a violencia machista segue aí', coa
pretensión de transmitir á sociedade a dobre mensaxe de que non se pode tolerar
que a pandemia faga invisible este problema e que a loita continúa.
“Primeiro, que non
imos permitir que a violencia de xénero pase a un segundo plano, pois aprazar a
loita contra o machismo significa dor, angustia, medo e mesmo vidas truncadas. A
violencia segue aí e non podemos baixar a garda para combatela”, explicou Pontón.
Segundo, “é unha mensaxe de
empoderamento para as mulleres de que a loita continúa e que o actual
distanciamento social non implica a desaparición da forza colectiva que encheu
as rúas os pasados 8M e 25N”.
“O machismo ten
demostrado que tamén pode ser un virus letal para miles de mulleres, aquí e no
resto do mundo”, salientou a líder do Bloque, por iso non se pode permitir que
“a urxencia da
COVID oculte a violencia de xénero, oculte o terrorismo machista que atenta
directamente contra a liberdade e contra a vida da metade da poboación”.
Visualmente,
explicou a responsable de Acción feminista, a deputada Noa Presas, “a campaña
responde ao momento que nos toca vivir e por iso utiliza o elemento da máscara,
que en lugar de cubrir a boca tapa os ollos, simbolizando esa advertencia que
se recolle no lema: a violencia segue aí e precisa como nunca máis
visibilización, lexislación, recursos, máis feminismo, e máis xustiza”.
As imaxes fan unha
aposta pola diversidade de idades, procedencias e contextos sociais, porque así
de diversa é Galiza. A difusión será a través das redes sociais e, desde o BNG anímase
a todos e todas a difundir e compartir.
Forza do movemento feminista
Tanto Pontón como
Presas destacaron a “forza” do feminismo galego, exemplo de mobilización e loita
e que segue aí “para defender un mundo xusto e igual no que podamos vivir sen
soportar violencia polo mero feito de ser mulleres”, máxime nun contexto no que
o negacionismo conta co apoio da extrema dereita e tamén dunha parte da dereita
política. A pandemia puxo en
primeiro plano unha realidade ben coñecida: que as mulleres realizan a maior
parte dos traballos precarizados, invisibles ou pouco valorados, pero imprescindibles
para o conxunto da sociedade; traballos básicos como o de coidadoras, caixeiras
de supermercados, limpadoras, enfermeiras, etc.
Ademais, o BNG
advirte que o contexto COVID dificulta a auto-organización para combater o
machismo e a existencia de espazos seguros e engade novas dificultades para que
as vítimas de violencia rompan o círculo e procuren axuda. No plano propositivo, o Bloque formula unha sería de
medidas que levará ao Parlamento, empezando por unha campaña institucional de
sensibilización e un plan específico para a mocidade nos centros escolares para
tratar de forma específica o acoso.
No plano
dos recursos, demanda que a Xunta incorpore nos orzamentos 2021 unha
transferencia extraordinaria de 1,5 M€ aos concellos que contan cun CIM e, unha
vez máis, reclama destinar a loita contra a violencia machista o 1% do
orzamento galego. Igualmente, facilitar atención psicolóxica ás vítimas como
servizo de atención primaria e garantir o funcionamento dos servizos de
atención a mulleres en situación de violencia machista, incluídos os CIM, como
servizos esenciais en caso dun novo confinamento. “Non
podemos invisibilizar un problema que está aí os 365 días ao ano, con ou sen
COVID”, conclúe Pontón. Departamento de comunicación