MADRID | O deputado do Bloque
Nacionalista Galego no Congreso, Néstor Rego, salientou no debate da nova lei
de educación a necesidade e urxencia de deixar sen efecto a LOMCE, mais
subliñou que unha vez máis o Goberno español “ficou por detrás das expectativas
das comunidades educativas e da sociedade en canto ás mudanzas producidas”.
A xuízo do deputado nacionalista, “hai avances
importantes” en comparación coa LOMCE, mais insuficientes como para “dar un
aprobado a esta Lei”, polo que se abstivo. Rego destacou que “o BNG presentou
máis 100 emendas que non foron tomadas en consideración, con excepción de 3
transaccionais. Unhas emendas que van encamiñadas a reforzar realmente o ensino
público, porque apostamos por un ensino
público galego e de calidade”.
Entre as medidas defendidas pola forza nacionalista
estaba reducir o peso do réxime de concertos, fixar o seu carácter subsidiario
-o que implicaría que só poderían producirse nos casos en que non houbese
suficiente oferta pública- e reducir a súa duración. Tamén estabelecer claramente
a non segregación por sexo ou impedir concertos no ensino non obrigatorio, no
camiño da desaparición do ensino concertado sobre a base de que os recursos
públicos deben ir a financiar o ensino público.
Ademais, o BNG defendeu un ensino laico, en que a
relixión confesional non ten cabida dentro das aulas, e considerou insuficiente
voltar á situación pre-LOMCE cunha mate-ria de relixión non computábel e sen
materia espello. Rego considerou que esta é una nova oportunidade perdida de
camiñar de verdade para a laicidade do ensino público e salientou que o
concordato co Vaticano é pre-constitucional, polo que é preciso derrogalo.
Aliás, o deputado nacionalista apostou en reforzar
as competencias das Comunidades autónomas, para asumir realmente a configuración
plurinacional, pluricultural e plurilin-güe do Estado, “porque a concibiamos
como unha lei de bases que non limitase as competencias da Galiza para definir
o seu propio sistema educativo a través dunha Lei Galega de Educación” sinalou
Rego.
Garantir a eficacia das previsións legais por medio
dunha Lei de financiamento, reducir as ratios de alumnado por aula, asegurar a
gratuidade dos servizos complementarios como comedor e transporte, asentar a
elección democrática das direccións ou a mellorar as condicións do persoal
docente, son algúns dos aspectos en que, a xuízo do BNG a nova lei ficou curta. Departamento de comunicación