VIGO | Que Galiza estea no mapa das redes transeuropeas de transporte ferroviario en igualdade de condicións con outros territorios é o obxectivo das iniciativas levadas a cabo polo BNG nas diferentes institucións nas que ten representación, segundo destacaron a portavoz do Bloque en Europa, Ana Miranda; o deputado no Congreso, Néstor Rego; a deputada no Parlamento Galego, Alexandra Fernández; e o portavoz municipal, Xabier Pérez Igrexas, na reunión que mantiveron co secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, para abordar a necesidade de potenciar o Corredor Atlántico.
Tras a decisión das institucións europeas de incluír Galiza no Corredor Atlántico de Redes Transeuropeas de Transporte, o Bloque considera que o goberno estatal non debe caer no mesmo erro que o PP na lexislatura pasada, na que Galiza foi discriminada. A formación nacionalista defende a superación desta discriminación e neste sentido sinala que a aposta por outros territorios en detrimento de Galiza implica que se lle priva de ferramentas e financiamento para impulsar un desenvolvemento económico sostible e na aposta polos modelos de transportes sustentables na loita contra a emerxencia climática.
Segundo as previsións da UE, no horizonte do 2030 os diferentes corredores deberían estar dotados con todos os servizos e infraestruturas, polo que é indispensable aproveitar as posibilidades que se abren coa aprobación do marco financeiro plurianual 2021-2027, que dependen das negociacións que leve a cabo o Estado coa Comisión, así como cos fondos extraordinarios. “Queremos que o Estado se mova en Bruxelas para impulsar o Corredor”, salientan.
2.400 millóns para investimentos
“Diante da inacción do Estado, agradecemos que o Eixo Atlántico tomase a iniciativa de elaborar un informe que inclúe os elementos básicos do pertinente Plan Director do Corredor Atlántico”, indican. Ao respecto salientan que precisamente a elaboración do Plan Director, “elemento fundamental no desenvolvemento e mellora das infraestruturas, é unha tarefa que debe realizar o goberno estatal”, para que a conexión de Galiza teña as mesmas condicións que o resto dos corredores e conte con 2.400 millóns de euros para investimentos.
O BNG defende, tal e como sinalou na iniciativa xa presentada no Parlamento Galego, a mellora das conexións con Portugal coa construción da Saída Sur de Vigo, así como a atención á intermodalidade do corredor ferroviario europeo mediante a priorización das conexións ferroviarias dos portos da fachada atlántica e coas principais plataformas loxísticas. Departamento de comunicación