El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Economí­a

POLÍTICA | BNG

Pontón critica a perda de peso da sanidade e a educación nos orzamentos do PP

23-11-2020 17:24:00

SANTIAGO DE COMPOSTELA | A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, advertiu da perda de peso relativo da sanidade e a educación no proxecto de orzamentos da Xunta para o ano 2021, proxecto que cualificou de “repetición de titulares e mantras propagandísticos” e que, segundo subliñou, “non da a resposta que necesita o país no medio da maior crise económica, social e sanitaria que levamos vivido nas últimas décadas”.

Na súa valoración sobre as contas públicas presentadas no Parlamento galego, “logo dunha fin de semana de propaganda”, Pontón criticou que “nin no medio dunha pandemia somos capaces de ver ao señor Feixóo presentando unhas contas que axuden a erguer este país” e puxo o foco sobre as partidas destinadas aos servizos públicos esenciais. Así, criticou que o Goberno do PP condene os servizos públicos a un “infrafinanciamento crónico” que debilita a prestación dunha mellor atención sanitaria ante a pandemia e cando, ao seu xuízo, este é precisamente o momento de capitalizalos “para poder reverter unha década de recortes”.

Neste sentido alertou de que a educación ve diminuído o seu peso nas contas globais de 2021 ao 20% cando no 2020 representaba o 20,3%, mentres que a sanidade pasa do 33,8% de 2020 ao 33,3% nos orzamentos do próximo exercicio, ámbito este último sobre o que amosou unha especial preocupación “porque hai que preparar Galiza para enfrontar a terceira onda da pandemia”. “Nestes orzamentos había que reforzar a sanidade pública, a contratación de rastrexadores, blindar as residencias”, enumerou.

A portavoz nacional tamén recriminou ao Executivo galego que volva anunciar un ano máis unha rebaixa dos impostos cando na análise das grandes cifras se observa un incremento da recadación polo IRPF do 4% o que, segundo salientou, significa que “queren que os traballadores e traballadoras paguen máis impostos”. “Ou se está a facer unha mala previsión neste ámbito ou no se lle está dicindo a verdade aos galegos e galegas”, cuestionou.   

No mesmo sentido afeou a extensión do anuncio de “impostos 0” ao rural, “cando toda a xente que vive no rural sabe que paga impostos”, e reclamou á Xunta que abandone “a propaganda e a mentira sobre a fiscalidade” e acometa un verdadeiro programa de desenvolvemento económico, fronte á perda de peso relativo dos programas de dinamización do rural que reflicten as contas para o 2021. 

Pontón lembrou que o incremento destes orzamentos responde aos recursos achegados tanto da UE como do Estado e, neste sentido, criticou que o Goberno galego non estea facendo ningún esforzo extraordinario por aportar máis recursos para enfrontar a crise económica, “o que evidencia a debilidade da Xunta á hora de enfrontar esta crise”. “Todo se fía a unhas previsións que se van recibir do Goberno central e que algunhas delas tampouco están confirmadas -advertiu- e nun momento no que se necesita poñer sobre a mesa máis recursos e máis capacidade para poder erguer o país, a Xunta non o está facendo”. 

“O BNG bota en falta un proxecto de país no que, segundo a súa portavoz nacional, cómpre “cambiar de modelo” e “cambiar de guión”. “Galiza ten que apostar por crear emprego industrial, pola innovación, pola economía verde, por uns servizos públicos de calidade e pola igualdade de xénero”, afirmou para recalcar a continuación que “non vemos que este proxecto de país estea recollido nestes orzamentos, que acabarán sendo de novo unha oportunidade perdida”.

Pontón tamén reprochou ao Goberno do PP que reserve só un 1% orzamentario para acometer o plan de recuperación froito da comisión parlamentaria de reactivación, unha comisión da que dixo “nace en teoría para construír un gran acordo de país e que xa se limita a non ir máis alá do 1% do orzamento”. “Isto non é un gran acordo de país, isto é como moito unha versión cutre duns orzamentos participativos”, concluíu. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias