SANTIAGO DE COMPOSTELA | A
reactivación económica e social precisa inxentes recursos públicos e, para saír
da crise, Galiza necesitar recibir o que lle corresponde por todas as vías
posibles: orzamentos do Estado, distribución do fondo COVID europeo, -Next Generation-, e financiamento autonómico.
De aí, explicou a portavoz nacional, Ana Pontón, o empeño do BNG en defender os
intereses do país neses tres frontes.
Empezando polos orzamentos do Estado
para 2021, nos que ratifica a posición do Bloque. “Grazas ao BNG teremos unha
rebaixa histórica das peaxes da AP-9 pero é insuficiente para apoiar unhas
contas que lle dan a Galiza 104 M€ menos que os últimos deseñados polo Goberno
de Raxoi, mentres que outros territorios que levan décadas co AVE reciben unha
choiva de millóns”, explicou, “pensan que hai que negociar con Euskadi e
Catalunya pero que se pode discriminar a Galiza”.
Lembrou que esas últimas contas mereceron
o cualificativo de “raquíticas” para os socialistas pero “fanlle a ola” a uns
orzamentos que aínda recortan máis. “Se o PSdeG ten que comulgar con rodas de
muíño que o explique, pero que non lle falte á intelixencia aos galegos e
galegas que sabemos sumar e restar”, declarou.
Pontón denunciou que as forzas estatais “practican a política máis vella
de todas, a da alternancia na discriminación”, e recomendoulles que “destinen
menos esforzo a atacar ao BNG e máis a defender Galiza porque están en xogo
investimentos estratéxicos”.
É máis, Pontón advirte que o agravio pode
repetirse na distribución do fondo COVID europeo de reactivación: “moito nos
tememos que o trato que recibimos nos OXE sexa a antesala da discriminación que
podemos sufrir co reparto do fondo europeo, prevendo unha parte ridícula da
contía de 140.000 millóns de euros, o que sería un escenario inaceptable porque temos que
recibir os fondos que nos corresponden para saía adiante nesta crise”.
Para o Bloque, un reparto centralizado
vai penalizar a Galiza e máis se os proxectos van estar destinados a financiar
ás grandes multinacionais e ás empresas do IBEX, “porque sabemos onde teñen a
súa sede social e polo tanto que territorios van saír beneficiados”. Neste
sentido, Pontón criticou a actitude de “pasotismo” do presidente da Xunta, “instalado
no canto peor mellor” cando o que urxe é unha posición de país “para evitar que
Galiza quede excluída”.
De feito, a formación nacionalista ten
cuantificado en 12.6000 millóns, o 9% do total, a cantidade mínima que corresponde
para abordar cuestións como a transición enerxética, dixitalización, cambio a
un modelo de economía verde baseado na ciencia a na investigación, para apoiar
ao tecido produtivo galego e para blindar os servizos públicos.
Finalmente, a portavoz do Bloque tamén
fixo referencia ao debate sobre a fiscalidade colocando o foco na urxencia de
cambiar o actual modelo de financiamento autonómico que lle fai perder a Galiza
centos de millóns de euros cada ano, un modelo inxusto e obsoleto, que está
pendente de reformulación desde 2014.
“A cuestión non é un punto arriba ou abaixo nun determinado
imposto, senón ir a un novo sistema de financiamento que nós permita ter a
chave dos nosos cartos, xestionar o 100% dos nosos recursos, definir desde aquí
as prioridades e poñer en marcha unha fiscalidade adaptada ao país”, explicou, en
definitiva, “un concerto económico que é a proposta do BNG porque confía na
capacidade do país e pensamos que ese debate de darse xa neste Parlamento”. Departamento de comunicación