SANTIAGO DE COMPOSTELA | A
portavoz nacional, Ana Pontón, considera “precipitada” a desescalada anunciada
polo presidente da Xunta que entraría en vigor coincidindo co inicio da ponte
da Constitución, ao entender que os datos non permiten baixar a garda senón que
convidan a extremar a prudencia para non malograr o esforzo feito en tres
semanas de confinamento.
“A valoración do BNG é que nos parece
precipitado iniciar unha desescalada nun momento en que os datos, aínda que
mellores, o que nos están indicando é que debemos ser prudentes, que debemos extremar
as precaucións para non tirar pola borda o esforzo que está realizando a
poboación e moitos sectores económicos ao longo de tres semanas de
confinamento. Parece que agora o obxectivo do Goberno galego non é só salvar a
campaña de Nadal senón tamén salvar a ponte desta fin de semana”, salientou
Pontón.
Para a líder nacionalista, “o máis
prudente sería esperar a que houbese constancia dunha caída significativa,
contundente e continuada na cifra de contaxios, hospitalizacións e falecementos,
antes de iniciar unha desescalada. Hai que ter en conta que, mesmo no nivel
máis favorable dos tres especificados por Feixóo, permite 100 contaxios por cada
cen mil habitantes, o dobre da cifra que a OMS considera un nivel de risco alto”,
subliñou.
En países como Alemania tomáronse
medidas contundentes con cifras de contaxios moi inferiores ás que establece o
Goberno do PP na tripla división para facer a desescalada de cara á ponte.
Igualmente, o Bloque demanda o peche perimetral total de Galiza ante unha fin
de semana na que pode haber movemento entre territorios.
A día de hoxe, alegou, case ninguén
dubida de que a desescalada tras o confinamento da primeira onda foi
precipitada, “e non se debería repetir os erros do pasado porque hai moito en xogo,
nada menos que a saúde dos galegos e das galegas”. En relación a apertura “a
medio gas” da hostalería, desde o BNG pídese que se manteñan as axudas, posto
que as condicións de apertura non lle van permitir ao sector recuperar o
perdido nin o nivel de facturación habitual nestas datas. Departamento de comunicación