BRUXELAS | A Comisión Europea, en resposta á Comisión de Peticións da Eurocámara, vén de anunciar que está investigando se existe unha violación da normativa comunitaria pola utilización de sucesivos contratos temporais no sector sanitario. “Que a Comisión de Peticións recoñeza a existencia de abusos na contratación pública que realiza o SERGAS, tal e como denunciaron en Bruxelas as representantes das Enfermeiras Eventuais en Loita hai xusto un ano, supón un tirón de orellas ao modelo de xestión de Feijóo, ao incumprir a normativa comunitaria”, destaca Ana Miranda.
Na xornada de traballo que tivo lugar en Bruxelas en decembro de 2019, organizada pola portavoz do BNG en Europa, as Enfermeiras Eventuais en Loita entregaron a vicepresidenta da Comisión de Peticións, a eurodeputada letoa Tatjana Zdanoka, abundante documentación sobre a precariedade laboral existente na profesión de enfermería, consecuencia das prácticas abusivas e a contratación en fraude de lei que leva realizando o Goberno galego durante anos, con casos escandalosos de sucesivos contratos de duración determinada para cubrir servizos permanentes.
“A existencia desta práctica abusiva na contratación non só é recoñecida pola Comisión de Peticións da Eurocámara, tamén o é por parte da Comisión de Emprego, que foi consultada sobre a denuncia galega e que vén de constatar que o uso da contratación temporal para cubrir necesidades permanentes supón un abuso e vulnera a normativa comunitaria”, subliña Ana Miranda en referencia á contundente resposta da presidenta da Comisión de Emprego, ?uriš Nicholsonová, á presidenta da Comisión de Peticións, Dolors Montserrat, sobre a denuncia do BNG e as Enfermeiras Eventuais en Loita, que se fixo pública hoxe.
Resolución do Tribunal de Xustiza da UE
En concreto, o documento sinala que esta abusiva utilización dos contratos temporais incumpre a cláusula 5 do Acordo Marco sobre o Traballo de Duración Determinada do anexo da Directiva 1999/70, así como a Resolución do Parlamento Europeo sobre a precariedade laboral aprobada en de maio de 2018, incumprimentos das autoridades sanitarias do Estado e do SERGAS que está investigando a Comisión Europea. Precisamente o Tribunal de Xustiza da Unión Europea sentenciou en marzo de 2020 que esa cláusula 5 “oponse a unha normativa e a unha xurisprudencia nacionais en virtude das cales a renovación sucesiva de relacións de servizo de duración determinada se considera xustificada por razóns obxectivas”.
Por outro lado, no seu escrito, a presidenta da Comisión de Emprego do Parlamento Europeo pon de manifesto que os e as profesionais de enfermería están sufrindo, enriba de condicións laborais abusivas, altos niveis de risco para a súa propia saúde e un cansazo excesivo neste contexto de loita contra a pandemia, polo que considera urxente o tratamento da súa situación.
“Esta comunicación da presidenta da Comisión de Emprego e da resposta da Comisión Europea á Comisión de Peticións da Eurocámara demostra que as nosas denuncias sobre a precariedade existente no sistema sanitario galego teñen un fundamento sólido”, destaca Ana Miranda ao respecto, quen agradece a confianza das Enfermeiras Eventuais en Loita para que fose o BNG quen abrira o camiño da tramitación da súa denuncia nas institucións europeas.
Miranda subliña que a investigación europea vai contra a precariedade que promove o presidente da Xunta no SERGAS cos contratos eventuais, que non dan resposta ás necesidades da sanidade pública galega, “como xa quedou patente nos últimos meses a raíz da pandemia causada polo coronavirus”. Galicia precisa 8.000 profesionais de enfermería máis, “especialmente tendo en conta o envellecemento da poboación e a redución de servizos públicos sanitarios en determinadas zonas, e a emigración de profesionais causada pola propia precariedade laboral”, sinala a portavoz do Bloque en Europa. Departamento de comunicación