En
véspera de que os herdeiros do ditador teñan que entregar as chaves do Pazo de
Meirás, a portavoz nacional, Ana Pontón, trasladou o recoñecemento do BNG a
todas as entidades, colectivos e institucións que traballaron durante décadas
para conseguir a devolución do patrimonio espoliado polo franquismo e pola
recuperación da memoria histórica en Galiza.
“A sociedade civil galega foi quen
inicio a batalla que agora da os seus froitos e deben ser todas as persoas que deron
esa loita as verdadeiras protagonistas na entrega das chaves do Pazo de Meirás,
deberían ser as que recollan as chaves porque son as artífices de que teñamos
chegado até aquí”, salientou a líder nacionalista.
O Bloque, explicou Pontón, entende o
acto de entrega de chaves como un primeiro paso de cara ao obxectivo final: que
o Pazo de Meirás pase ao seu lexítimo propietario que é o pobo galego. “Por iso
entendemos que o pazo debe ser transferido a Galiza mediante cesión ao Goberno
da Xunta e que, a partir de aí, debe ter unha xestión consorciada da Xunta,
Deputación da Coruña e Concello de Sada”, explicou a líder nacionalista, “dando
cabida tamén a todo o tecido asociativo e investigadores que ao longo dos anos
loitaron contra unha gran mentira e a favor da dignidade”.
Coa entrega das chaves, salientou, “estase
poñendo punto final á impunidade e aos privilexios dos herdeiros do franquismo
corenta anos despois da desaparición do ditador, e rescatando a memoria democrática
do noso país”. Pontón subliñou que “non é este o momento da competición senón
da colaboración entre institucións para que o Pazo de Meirás sexa aberto á
sociedade galega, e un lugar que simbolice a loita pola recuperación da memoria
democrática en Galiza”.
Tras felicitarse pola entrega do Pazo,
o Bloque destaca que hai que seguir traballando para a recuperación do resto do
patrimonio espoliado polo ditador, como por exemplo a Casa Cornide, “a través
dunha investigación das propiedades dos herdeiros de Franco para e que estas
sexan devoltas ao pobo galego”.
En relación ao uso
do Pazo de Meirás, o BNG propón crear un
comité asesor formado por persoas coñecedoras da historia do inmoble que
teña entre as súas funcións establecer os criterios para retirar os elementos
de exaltación e apoloxía do franquismo, formular unha proposta de interpretación
que teña en conta a función de residencia de Pardo Bazán e todo o que veu
despois, desde o uso como residencia franquista até a loita social e política
que conclúe coa recuperación. E a definición dunha proposta de usos que teña
como contido central a memoria histórica, a loita antifranquista e pola
dignidade do pobo galego.
O Bloque entende
que no acto do entrega do Pazo deberá
estar, ademais das institucións, unha representación do Parlamento
galego, dos grupos políticos da Deputación e a ex vicepresidenta Goretti
Sanmartín, do grupos municipais do concello de Sada, das entidades que forman
parte da Xunta ProDevolución, da Comisión pola Recuperación da Memoria
Histórica da Coruña, dos 19 de Meirás así como
activistas e investigadores que xogaron un papel destacadisimo como Manuel
Monge, Carlos Babío e Manuel Pérez Lorenzo. Departamento de comunicación