El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Economí­a

HOSTALERÍA | TURISMO

O BNG recrimina á Xunta a escasa cobertura das axudas destinadas á hostalería, ao turismo e ás persoas autónomas

10-12-2020 15:29:55

SANTIAGO DE COMPOSTELA | O BNG recrimina ao Goberno galego que as axudas destinadas ás persoas autónomas e ao sector da hostalería por mor da COVID19 resultan claramente insuficientes para dar resposta ás necesidades de ámbolos dous colectivos dados os devastadores efectos económicos da pandemia.

O deputado nacionalista Iago Tabarés recalcou no Parlamento galego que as axudas destinadas ás persoas autónomas están vetadas para aquelas que non teñan traballadores e traballadoras ao seu cargo e que o plan de rescate ao sector hostaleiro está limitado temporalmente. “As axudas dos 17 millóns para a hostalería son a partir do 7 de outubro, para os establecementos que estiveran pechados a 7 de outubro”, reprochou, para a continuación afirmar o seu convencemento de que “non se vai cumprir esa liña de axudas porque, como a cumpran, non vai haber beneficiarios”.   

Tabarés tamén subliñou que a liña de subvencións de 35 millóns para as persoas autónomas “está vetada” para aquelas que non teñan traballadores ao seu cargo e só beneficia ás que declararon un ERTE. “E que pasa coas que estiveron termando e perdendo ingresos? Non teñen dereito ás axudas?”, cuestionou. En relación ao sector turístico e logo da comparecencia na Cámara do vicepresidente primeiro e conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda, o deputado nacionalista advertiu que “é preciso explorar os fluxos turísticos, coñecer a demanda e planificar”, despois de subliñar que “o 80% dos orzamentos en materia turística van destinados ao Camiño de Santiago”. “Galiza é moito máis que Xacobeo”, recriminou para reclamar do Executivo galego “outro modelo” no que se exploten todas as potencialidades do país.

Ao fío do labor desenvolvido durante estes meses de pandemia pola Consellería da Presidencia, criticou a falta de comunicación institucional cos concellos e a calidade dos materiais subministrados ás entidades locais, así como a dificultade da administración pública galega para articular mecanismos de teletraballo. De igual xeito, Tabarés reclamou a dotación de recursos para a mediación intraxudicial en 2021 e amosou a fonda preocupación do BNG polo anuncio realizado pola Xunta de prohibir o empadroamento ás persoas que ocupan ilegalmente un inmoble. “A unha persoa que lle negamos a posibilidade de empadroarse, como accede ao ensino ou á atención sanitaria precisa en tempos como os que vivimos agora?”, alertou.

O deputado nacionalista aproveitou a comparecencia para pedir ao vicepresidente o seu pronunciamento sobre a afirmación realizada durante as preguntas ao presidente da Xunta na Cámara en relación á honestidade política. “Acábase de dicir que o problema non era que un político minta, senón que saiba cando minte; claro que é un problema que un político minta! É un problema gravísimo, é un problema de democracia”, concluíu. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias