SANTIAGO DE COMPOSTELA | O próximo luns, 'Os Luns do
Ateneo' acollerán ao profesor da USC, Miguel Taín Guzmán, que impartirá unha conferencia
titulada «Domingo de Andrade, mestre de obras da Catedral de Santiago de
Compostela», con motivo do Día das Artes Galegas, que se conmemorou o pasado 1
de abril e que non puido celebrarse por mor da pandemia.
Debido ás restricións sanitarias vixentes, a esta
conferencia só se poderá asistir, a partir das 20:00 horas, por medio da plataforma
Zoom e da páxina web, así como das redes sociais do
Ateneo, Youtube, Facebook e Twitter
(@AteneoSantiago). O coloquio posterior, habitual nos actos da entidade, realizarase
exclusivamente a través de Zoom.O
Día das Artes Galegas é unha celebración que se leva a cabo dende o ano 2015,
instituída pola Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario.
Despois de
seren homenaxeadas importantes figuras artísticas como o Mestre Mateo, Castelao,
Maruxa Mallo ou Luís Seoane, este ano 2020 é a quenda de Domingo de Andrade,
arquitecto galego de proxección universal, Aparellador Maior da Catedral de
Santiago en 1676 e que foi nomeado mestre de obras desta. Unha das súas obras
mestras é a Torre da Berenguela onde se atopa o reloxo da Catedral.
Miguel Taín Guzmán é
investigador e profesor da USC e leva toda a vida estudando o patrimonio da
cidade de Santiago. Comezou o doutoramento en Francia e, ao seu regreso a
Galicia, empezou a traballar no Arquivo da Catedral, momento no que realizou,
baseándose en toda a documentación que alí atopou, a súa tese de doutoramento
sobre Domingo de Andrade, a cal lle levou 10 anos de investigación. Ler máis