El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Nacional

POLÍTICA | BNG

O BNG reclama "información clara" sobre as consecuencias da falta de acordo do Brexit

12-12-2020 12:59:24

BRUXELAS | A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, e a portavoz nacional, Ana Pontón, demandan “información clara” sobre a situación na que quedarían os galegos e galegas residentes en Irlanda e Gran Bretaña en caso de que este domingo non se produza un acordo sobre o Brexit. “É fundamental garantir os dereitos da cidadanía galega emigrada, xa que pode verse moi afectada pola falta de acordo entre Reino Unido e Bruxelas”, subliñan.

A vixencia da tarxeta sanitaria europea; os recoñecementos de diferentes prestacións -incapacidade, maternidade, paternidade, xubilación-; a preocupación polo retorno e as posibilidades de reinserción na sociedade galega; os futuros programas de intercambio entre universidades; e a fenda dixital constitúen as principais inquedanzas das galegas emigradas a Reino Unido e Irlanda, segundo lles trasladaron nun encontro virtual mantido con Ana Pontón e Ana Miranda, organizado pola asemblea do BNG nas Illas Británicas.


Datos actualizados da emigración

“O PP fala de fuga de cerebros, pero estamos diante dunha emigración pura e dura que se foi por motivos laborais e económicos porque en Galiza non atoparon oportunidades para desenvolver o seu proxecto vital”, denunciaron Pontón e Miranda, quen defenden a necesidade de realizar unha casación de datos actualizados da emigración galega en Europa, e en concreto no Reino Unido, xa que os datos do CERA non son fiables e non serven para identificar cantos galegos hai emigrados”.

Co obxectivo de facer un seguimento destas cuestións, Ana Pontón anunciou que, en canto a situación de pandemia o permita, viaxará a Londres para manter un encontro coa colectividade galega emigrada a Gran Bretaña e trasladarlles as iniciativas que se presenten no Parlamento Galego ao respecto.

“Nós non somos Boris Johnson nin Feijóo, e queremos transparencia sobre as repercusións do Brexit porque estamos preocupadas por como afectan as decisións sobre o Brexit ás galegas que se viron obrigadas a emigrar e que viven nunha situación de tremenda incertidume”, concluíu Ana Miranda, quen na súa intervención lembrou asemade as diversas iniciativas presentadas polo BNG na Eurocámara sobre as consecuencias do Brexit sobre as condicións de vida da cidadanía comunitaria desprazada a Reino Unido, senón tamén sobre a pesca e diversos sectores económicos como o téxtil. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias