SANTIAGO DE COMPOSTELA | O BNG valora a
sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza como unha vitoria da Comarca
da Mariña e moi especialmente dos traballadores e traballadoras de ALCOA, “que
estiveron sempre dispostos a dar a batalla política, social e legal en defensa
do futuro desta factoría, da continuidade da produción e dun emprego vital. Sen
esa batalla, a sentenza non sería unha realidade”, salientou a portavoz nacional,
Ana Pontón.
A segunda
lectura que fai o BNG é que a sentenza deixa claro que o plan da multinacional
é pechar a fábrica de aluminio en San Cibrao e que para iso está actuando de
mala fe, “corroborando o que denunciaba tanto o Bloque como os traballadores e
traballadoras, advertindo que a dirección non tiña interese, nin plan algún de
futuro para a planta mariñá, senón que o seu obxectivo era o simple peche”,
alega a líder nacionalista.
E, finalmente,
para o Bloque a sentenza é un paso na boa dirección “pero para o empuxón
definitivo debe existir unha solución política que pasa por unha intervención
pública e, neste sentido, volvemos pedirlle tanto ao Goberno do Estado como ao
Goberno da Xunta que deixen de perder un tempo que é necesario para poder
manter en pé a produción de aluminio e os postos de traballo”.
A líder
nacionalista salienta que toda a comarca, e en particular as persoas que teñen
os seus empregos ameazados, levan meses moi difíciles, “e agora o que precisan
é determinación política para garantir o futuro da produción e dos postos de
traballo de ALCOA e que as miles de familias que dependen de xeito directo ou
indirecto desta factoría poidan respirar en paz”, conclúe Pontón. Departamento de comunicación