SANTIAGO DE COMPOSTELA | A portavoz
nacional, Ana Pontón, aproveitou o último pleno dun 2020 marcado pola COVID para
pedirlle ao xefe do Executivo que, por unha vez, “rompa o seu guión da
prepotencia, da bronca, da mentira e descualificación” que repite en cada
sesión de control, “facendo oposición da oposición”, para “facer política con maiúscula e estar á
altura do esforzo demostrado polos galegos e as galegas ao longo dun ano
durísimo”.
“Propóñolle que se sume á política con maiúsculas, a esa que reclama
unha cidadanía que quere contraste de opinións, si, pero que está farta das
descualificacións coas que responde sempre neste Parlamento”, salientou Pontón,
tras recriminarlle a Feixóo a mala xestión da pandemia que non pode taparse con
“triunfalismos” cando o propio comité clínico advirte que Galiza está ás portas
dunha terceira onda.
“O seu
goberno non fixo unha boa xestión da pandemia e non vale de nada negar que
houbo improvisación, falta de anticipación e erros repetidos”, subliñou, ao
tempo que instaba ao xefe do Executivo a poñer sobre a mesa as cuestións que
urxen no inmediato para que 2021 sexa o ano no se supere a pandemia e se abra
paso á reactivación económica e social.
Nesa
dirección, Pontón anticipou as propostas do BNG para facer todo o que non fixo
o Goberno do PP no contexto COVID. En primeiro lugar, reforzar a sanidade
pública, en particular a atención primaria con 250 M€, “máxime agora que se vai
encargar tamén da campaña de vacinación”; en segundo lugar, poñer en marcha un
novo modelo de coidados dos maiores que garanta unha vellez digna apostando por
recuperar a xestión pública das residencias.
Como
terceira prioridade, poñer en marcha un plan de rescate real dos sectores e dos
traballadores e traballadoras máis afectadas pola COVID, -hostalería, turismo,
comercio, cultura e autónomos-. E como cuarto eixo, poñer en marcha unha
estratexia de país para que Galiza
consiga a xestión directa dos fondos europeos de reactivación, cun mínimo de
12.600 millóns. “Porque a reactivación precisa recursos”, recalcou Pontón.
“Catro
propostas en catro asuntos cruciais para superar canto antes a crise derivada
da pandemia, catro medidas concretas abertas á negociación para sumar a favor
deste país desde a política con maiúsculas que require o momento durísimo que
viven os galegos e as galegas”, sintetizou a líder nacionalista, pero ás que
Feixóo replicou co ton habitual.
O que
motivou que Pontón lle advertira ao presidente da Xunta que “o peor dun
gobernante non é xa que minta, senón que acabe por crerse as súas propias
mentiras, por iso aconséllolle que baixe do coche oficial e saia un pouco a rúa
para coñecer a durísima realidade”.
Sigue no recunchiño da bronca e da mentira
“Non
acaba de entender que isto non vai nin do PP nin do BNG, isto vai dos e das
traballadoras autónomas que as están pasando canutas, dos e das traballadoras
da hostalería ao límite pero que non teñen as axudas que necesitan, vai das
pequenas e medianas empresas que fan o posible para seguir en pé, isto vai das
familias que están preocupadas ou da angustia coa que se vive a situación nas
residencias, isto vai do esforzo dos profesionais sanitarios señor Feixóo”,
replicou a portavoz do Bloque.
“E isto
vai, -concluíu- de transmitirlle ao país que neste Parlamento imos facer todo o
posible para que todos e todas poidan ver a luz ao final do túnel. E pese a súa resposta, o BNG vai seguir
traballando para mellorar a vida dos galegos e das galegas e alá vostede se
quere quedarse no seu recunchiño da bronca, da mentira e da manipulación”. Departamento de comunicación