El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Nacional

POLÍTICA | BNG

Pontón: "Sairemos desta porque somos un país con recursos"

30-12-2020 10:57:52

SANTIAGO DE COMPOSTELA | A punto de concluír un ano “moi difícil” que marcou un antes e un despois, a portavoz nacional, Ana Pontón, opta por primeira vez por un novo formato para dirixirse a todos os galegos cunha mensaxe de fin de ano para expresar o seu recoñecemento á toda a cidadanía pola súa reacción exemplar ante unha crise sen precedentes en tempos de paz.  
No seu discurso, a líder nacionalista traslada un compromiso e unha mensaxe de esperanza en nome do BNG.
 
“O compromiso de que non escatimaremos esforzos para sacar o país adiante, de que imos traballar para que Galiza non perda o tren da reactivación económica e social, con propostas en positivo, arrimando o ombro e coa man tendida para superar esta crise canto antes”, explica na súa alocución. “E unha mensaxe de esperanza, de confianza en nós, como país e como pobo: sairemos desta máis pronto que tarde, porque somos un país con recursos e somos un pobo traballador, con talento e con orgullo”, sintetizou.

Ao longo dos 3:30 minutos de discurso, -que o BNG difunde a través das súas redes sociais-, Pontón foise dirixindo a todas as persoas e colectivos máis afectados pola pandemia no sanitario, no económico e no social, e expresou o seu “orgullo” por formar parte “deste gran país que é Galiza, a nación que amamos, construímos e compartimos”. Empezou referíndose ás persoas falecidas polo virus, “unha ferida aberta e a cara máis dolorosa desta crise,  e por iso estarán sempre na nosa memoria, para eles, para elas, unha aperta infinita de cariño”, expresou. A continuación, volveu recoñecer o labor, “de quen estivo e aínda está na primeira liña contra a COVID, arriscando a súa saúde para coidar da nosa. Moitas delas mulleres, a maioría con empregos precarios e pouco valorados. Sodes as imprescindibles”, recoñece.

E tivo tamén unhas “palabras” para á xente moza, á que agradeceu as súas renuncias en aras da saúde colectiva: “Tras a crise de 2009, que afectou aos vosos soños e proxectos, agora soportades a pandemia, que mesmo limita as ganas de saír e desfrutar que son propias da xuventude. Tedes todo o dereito a querer divertirvos sen sentirvos culpables, e por iso agradecemos a vosa responsabilidade, as vosas renuncias para coidarnos: grazas por esa xenerosidade”. E, finalmente, trasladou unha mensaxe directa aos colectivos máis impactados economicamente pola crise nun momento “en que hai miles de galegos e galegas que perderon os seus empregos, miles de persoas autónomas que pecharon os seus negocios, moitas outras que fan números para aguantar e familias preocupadas polo futuro dos seus fillos e fillas”.

Pero para lograr a desexada recuperación, Galiza deber recibir os recursos imprescindibles para a reactivación económica e social. “Ese é o obxectivo do BNG cando pide un trato xusto nos orzamentos do Estado, cando reclamamos a xestión directa dos fondos europeos ou cando propoñemos un financiamento que nos permita decidir sobre os nosos cartos. Galiza ten que recibir o que lle corresponde para blindar os servizos públicos, para un modelo de coidados que garanta unha vellez digna, para un ensino de calidade. Para conseguir a igualdade real das mulleres”, salientou.

A líder nacionalista apelou a impulsar os sectores produtivos,  sentar as bases dunha economía verde e sustentable, apostar pola ciencia e a investigación.  “En definitiva: construír un país xusto, no que vivir e traballar”, concluíu, tras felicitar o novo ano convencida de que “entre todos e todas faremos que 2021 sexa un ano cargado de futuro”. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias