MADRID | O
deputado do BNG no Congreso compareceu en conferencia de prensa para
avaliar a situación xerada pola nova suba das portaxes da AP-9
aplicadas no día 1 de xaneiro e que converteron esta autoestrada de
novo na que máis sobe de todo o Estado español. Rego considera
“inadmisíbel” que as portaxes volten a subir “cando no acordo
de investidura o BNG incorporou a previsión de que por primeira vez
en corenta anos se produzan baixadas e descontos e, ademais, existen
as partidas orzamentarias necesarias para poder aplicalas”.
O
deputado nacionalista anunciou que o BNG rexistrará nesta semana
unha iniciativa no Congreso para que o Ministerio de Transportes
aclare por que non aplicou estas baixadas e si unha nova subida.
Considera Rego que houbo tempo suficiente para que as mudanzas
normativas que hai que realizar vía decreto puideron estar previstas
con antelación para que as novas tarifas entrasen en vigor no comezo
do ano. “O Ministerio sabía con certeza que os Orzamentos do
Estado ían ficar aprobados en decembro e imaxino que tamén sabía
que o ano comeza no día 1 de xaneiro”, ironizou.
En
todo o caso, Néstor Rego considera que tres semanas son máis que
suficientes para que o Ministerio poida proceder a aprobar os cambios
regulamentarios que, polo visto, non preveu con anterioridade, para
que neste mes de xaneiro entren en vigor as novas tarifas con
rebaixas e descontos para as persoas usuarias recorrentes. Se así
non for, advirte Rego, o BNG chamará a sociedade galega a se
mobilizar para obrigar o Goberno “a cumprir o previsto no acordo de
investidura e a asumir na práctica os compromisos coa Galiza”.
O
deputado do BNG sinala que “existe un enorme enfado e descontento
que diariamente nos fan chegar tanto particulares como profesionais
do transporte polo incumprimento do Ministerio ao non veren
reflectidas as baixadas das peaxes no comezo de ano, polo que
esperamos que o Goberno e os partidos que o apoian reflexionen e
rectifiquen canto antes.
Rego
lembrou que no Acordo de Investidura está previsto que non se
proceda á suba do 1% acumulativo durante 20 anos previsto nos
convenios asinados en 2011 (José Blanco-PSOE) e 2013 (Ana
Pastor-PP), que se libere de portaxes o tramo Vigo-Redondela e que se
estabelezan bonificacións de 100% para as persoas usuarias
recorrentes (aquelas que fagan dúas viaxes ou máis no mesmo día).
“Até agora a xestión tanto de PP como de PSOE implicaron a
prolongación da concesión e subas continuadas das portaxes. Neste
ano, grazas ao BNG, baixarán por primeira vez na historia.
Seguiremos traballando para lograr unha AP- 9 galega e sen peaxes,
mais, sen dúbida, este é un paso fundamental e longamente agardado,
polo que o Goberno non pode seguir demorado a súa aplicación”
sinalou. Departamento de comunicación