MADRID | O Bloque Nacionalista Galego para evitar que o Proxecto de Lei de
medidas de prevención e loita contra o fraude fiscal invada as
competencias da Galicia en materia de Dereito civil, presentou no
Congreso dos Deputados distintas emendas para eliminar do texto as
reformas que afectan á Lei do IRPF e do Imposto de sucesións no que
ten a ver coas herdanzas en vida. Neste sentido o deputado Néstor
Rego destacaba que “con esta reforma o Ministerio de Facenda
penaliza aos cidadáns e cidadás galegas ademais de invadir
competencias autonómicas e vulnerar o Dereito Civil de Galiza”.
O
BNG considera que o proxecto de lei invade as competencias da Galicia,
polo que as reformas que afectan aos pactos sucesorios deben ser
retiradas do texto. En primeiro lugar, o Estado non pode regular
indirectamente unha figura propia do dereito civil da Galicia, facendo
que na práctica dificulte ou impida que se acuda aos pactos
sucesorios. E ademais, a regulación que pretenden supón un
tratamento discriminatorio desde o punto de vista fiscal para aqueles
herdeiros ou herdeiras que reciban bens en vida fronte a aqueles que
o fan trala morte dun familiar, cando se trata nos dous casos de
adquisicións “mortis causa”.
Rego
explicou que “neste último caso, se a persoa que herda recibe os
bens trala morte do familiar e a continuación procede a súa venda,
só debería tributar pola plusvalía desde o momento da recepción
dos bens e até a efectiva transmisión”, en cambio, de aprobarse a
reforma, se se trata dunha herdanza en vida, e se venden os bens
antes da morte do causante, deberá tributar polo incremento
patrimonial desde que o testador adquirira o ben. “Resulta a todas
luces inxusto considerar que realizar un acto lexítimo segundo o
Dereito Civil Galego e respectando as normas tributarias propias da
Administración galega, sexa unha práctica de evasión fiscal”
sinalou Rego.
O
deputado nacionalista advertiu que de manterse o texto actual, suporá
un grave prexuízo para moitos e moitas galegas que se acolleron a
esta modalidade hereditaria e que, desgraciadamente, ante a situación
de crise económica que está por chegar, poden verse na necesidade
de vender os bens recibidos para facer fronte a gastos vitais como
pagar facturas, comida, estudos, etc ou manter o seu negocio a frote.
“Non sería xusto que Facenda se aproveitase desta circunstancia
asumindo por riba unhas competencias que non lle corresponden”
subliñou. En ningún caso pode considerarse que haxa unha intención
de fraude que deba ser penalizada.
Néstor
Rego tamén destacou que este non é o primeiro intento por parte da
Facenda do Estado de intentar forzar a tributación dos pactos
sucesorios como se de transmisións inter vivos se tratara. Neste
sentido, distintas sentencias do Tribunal Superior de Xustiza e do
propio Tribunal Supremo, viñeron a dar a razón aos galegos e
galegas. Consideran os tribunais, que os pactos sucesorios son, a
pesar de producírense en vida do causante, actos mortis causa, e
polo tanto non cabe que se pretenda a súa homologación coas doazóns
ou outros actos xurídicos semellantes a estas. Son unha institución
propia do Dereito Civil da Galiza que debe ser respectada e tratada
como acto hereditario aos efectos tributarios, garantindo ademais a
non interferencia nas competencias da Xunta de Galiza e do Parlamento
Galego neste tema. Departamento de comunicación