Os órganos xudiciais galegos notificaron durante o mes de decembro
36.416 resolucións que poñen fin a procedementos, un 20,5 % máis que o
ano pasado no mesmo período, cando comunicaron 30.227, o que pon de
manifesto o esforzo que se está realizando por parte de xuíces/zas,
letrados/as e oficinas xudiciais. En concreto, os xulgados e tribunais
da comunidade notificaron o mes pasado 14.645 providencias; 7.740
sentenzas; e 14.031 autos, decretos e outras resolucións finais.
O TSXG efectuou 1.410 comunicacións, fronte ás 1.061 que realizou en
2019, un 32,9 % máis, e, as audiencias provinciais, 2.018 (un 15,8 %
máis). Nas cidades, Vigo, con 6.068, é a que máis notificacións realizou
en decembro, seguida da Coruña (6.031), Pontevedra (2.907), Ourense
(2.796), Lugo (2.445), Santiago (2.314) e Ferrol (1.608). En total, as
sete urbes enviaron 24.169 resolucións -un 18,7 % máis que en 2019-,
fronte ás 8.819 dos xulgados mixtos situados no resto de partidos
xudiciais, un 24,7 % máis que en decembro do ano pasado.
Esta maior actividade contrasta co descenso do número de casos que
desde hai meses chegan aos órganos xudiciais da comunidade. Desde
setembro foi menor todos os meses con respecto ao ano pasado, en
practicamente todas as xurisdicións e en todas as cidades. Nos órganos xudiciais da comunidade recibíronse o mes pasado 44.486
novos casos, fronte aos 52.796 que se iniciaron no mesmo período de
2019, o que supón un descenso interanual do 15,7 %. O Tribunal Superior
de Xustiza de Galicia (TSXG) recibiu en decembro 1.158 asuntos; as
audiencias provinciais, 2.567; os xulgados das cidades, 28.293; e os
órganos do resto de municipios, 12.468.
Datos por cidades
En todas as urbes galegas o ingreso de novos casos cae, mesmo
naquelas xurisdicións nas que se prevía unha avalancha de asuntos como
consecuencia da pandemia da COVID-19. No último trimestre do ano, Vigo
recibiu 20.549 procedementos, fronte aos 27.995 de 2019. A entrada, polo
tanto, descendeu un 26,5 %, practicamente o mesmo que na Coruña, onde
os novos procedementos baixaron un 27,2 % entre outubro e decembro. En
Santiago, a caída no período estudado foi do 25,8%; en Ferrol, do 33,6
%; en Lugo, do 22,8 %; en Ourense, do 27,5 %; e, en Pontevedra, do 24,8
%.
No ámbito social, onde se esperaba un forte impacto debido á crise
sanitaria, os casos tamén baixaron en todas as cidades galegas durante
os meses de outubro, novembro e decembro. En Vigo descenderon un 45 % e,
na Coruña, un 36,2 %. En Santiago a entrada de casos na xurisdición
social baixou un 43 %; en Ferrol, un 65 %; en Lugo, un 38,8; En Ourense,
un 38; e, en Pontevedra, un 43,7 %.
As cifras tamén reflicten unha caída na entrada de asuntos nos
xulgados de primeira instancia e mercantil de todas as urbes da
comunidade no último trimestre do ano. En Vigo, os xulgados de primeira
instancia ingresaron un 31,2 % menos de procedementos e, os de
mercantil, experimentaron un descenso do 36 %. Na Coruña a entrada de
asuntos nos xulgados mercantís caeu un 42,1 %; e nos de primeira
instancia, un 33,6 %. No resto de cidades de Galicia os datos son
similares. Departamento de comunicación