MADRID | O
portavoz do Bloque Nacionalista Galego no Congreso, Néstor Rego,
acaba de preguntar ao Goberno español, a través dunha iniciativa
parlamentaria, por que Patrimonio Nacional, organismo público
dependente do Ministerio de Presidencia, está a asumir o custo do
persoal que asiste Juan Carlos de Borbón como axudas de cámara na
súa nova residencia nos Emiratos Árabes Unidos tras a súa fuxida
do Estado español ao se faceren públicos os distintos escándalos
financeiros que se lle atribúen.
O
BNG considera inaceptábel que o Goberno do Estado continúe
protexendo a corripción dos Borbóns e a anacrónica e corrupta Casa
Real. Néstor Rego salientou que aínda nesta cuarta feira (13 de
xaneiro) o PSOE, partido maioritario do Goberno, vetou a creación
dunha Comisión de Investigación en sede parlamentaria para a
abordar o uso das tarxetas opacas polo Borbón, a pesar de contar co
informe favorábel dos letrados da Cámara.
Aliás
Rego criticou que o Goberno defenda que Juan Carlos de Borbón
manteña o título de Rei de forma vitalicia, “sen lles importaren
os maletíns con millóns de euros, as tarxetas opacas, a evasión de
impostos, as fundacións off- shore, e o resto de prácticas
corruptas que nos últimos meses saíron á luz e que foron
realizadas tamén desde a Xefatura do Estado”.
O
deputado Néstor Rego quere saber, a través da iniciativa
parlamentar, cal é o custo para as arcas públicas da estadía de
Juan Carlos de Borbón nos Emiratos Árabes, que conceptos están a
sufragarse con cargo a fondos públicos e a canto ascenden incluíndo
o mantemento, estadía e desprazamento de todo o persoal que o
asiste. Segundo o que parece, estaríase a pagar con cargo aos
orzamentos do Estado o salario dos tres axudantes, persoal de libre
designación contratado por Patrimonio Nacional que se vai
organizando por quendas. Asume, así mesmo, os gastos de viaxe e
estadía en Abu Dabi a través do pago de facturas por eses
conceptos. “Debe lembrarse que o Borbón dispón ademais ao seu
servizo dun séquito que inclúe persoal de seguranza que tamén é
sufragado con cargo a fondos públicos” subliñou.
O
BNG denuncia que ademais da asignación directa á Casa Real, cifrada
para os Orzamentos Xerais do Estado de 2021 en 8,5 millóns de euros,
o que supón unha suba de 6,9% respecto ás contas anteriores, moitos
dos gastos da Coroa cóbrense por outras partidas. Rego sinalou que
do “Ministerio de Facenda depende o parque móbil, as viaxes
oficiais páganse desde o Ministerio de Exteriores, o Ministerio de
Interior e o de Defensa asumen o custo da seguranza, e Patrimonio
encárgase das retribucións do persoal da Casa Real e do mantemento
dos inmobles que utiliza a Familia Real”. En conclusión, o custo
real da Institución da Coroa é maior do explicitado na partida
denominada “Casa Real”.
En
todo o caso, o deputado do BNG salientou que, para alén do
inadmisíbel da colaboración do Goberno en pagar con cartos públicos
a fuxida de luxo do Borbón corrupto, o verdadeiramente anacrónico é
o mantemento dunha xefatura do Estado hereditaria e vitalicia como é
a monarquía. Rego reiterou a posición do BNG favorábel a romper co
réxime monárquico e camiña para Repúblicas democráticas e
soberanas. Departamento de comunicación