SANTIAGO DE COMPOSTELA | O BNG exixe unha “reacción coordinada e decidida” do Goberno estatal e a
Xunta ante o anuncio de Endesa de pechar a central térmica nas Pontes co
obxectivo de acadar un proxecto industrial alternativo de futuro para a comarca
de Ferrolterra. “Exiximos solucións e propostas concretas e orzamentadas porque
Endesa pecha sen alternativas”, recalca o portavoz nacionalista de Industria,
Ramón Fernández, quen engade que “aquí non hai transición enerxética nin hai
nada e isto non se pode consentir”.
Fernández
considera o anuncio como a confirmación do “atraco a man armada” da eléctrica e
advirte que a comunicación feita pola compañía “deixa en moi mal lugar” tanto
ao Goberno central como ao galego. Neste sentido, lembra que aínda o día 17
deste mes o vicepresidente do Executivo galego, Francisco Conde, apostaba pola
viabilidade dos biocombustibles para a central das Pontes, mentres que o Estado
leva seis meses evitando reunir a mesa das Pontes, onde están representados
todos os axentes económicos, sociais e das distintas Administracións.
O
Bloque advirte de que o exhaustivo dos detalles técnicos que inclúe a eléctrica
no seu anuncio e o feito de que veñan avalados por un tecnólogo internacional “da
a idea de que é algo moi ben preparado e moi ben meditado. “É dicir -recalca o
tamén deputado por Ferrolterra- Endesa marca os tempos e o ritmo, e ámbolos dous
gobernos bailan ao seu son”.
Nesta
liña engade que na súa comunicación, a compañía “anúncianos tamén que ten autorización
para instalar 1.400 MW na rede eléctrica”, o que significa que “non só ten as
autorizacións para instalar os correspondentes parques eólicos, senón tamén
para facer uso dos nós de conexión”. Para Fernández, “Endesa xa decide ela
todo, non precisa dos gobernos para nada”, o que cualifica de “algo tan
insólito como indignante”.
A xuízo
do Bloque, o anuncio da compañía coloca a toda unha comarca “aos pés dos
cabalos”, un comportamento que, di, “non se pode consentir” e que exixe a
acción conxunta de Estado e Xunta para ofrecer unha solución alternativa de
futuro para As Pontes e toda a comarca de Ferrolterra. Departamento de comunicación