MADRID | Após a
reunión mantida nesta cuarta feira (20) por unha representación do BNG co
Comité de Empresa de Alu Ibérica en Arteixo, o portavoz do
Bloque Nacionalista Galego no Congreso, Néstor Rego, acaba de presentar
unha Proposición Non de Lei para instar o Goberno
español á intervención pública da empresa
como única maneira de salvar a crise que se vén arrastrando nos últimos anos e
que non foi resolta pola venda de Alcoa a Parter.
Rego lembra
que xa no mes de maio de 2020 o BNG interpelaba o Goberno sobre o
anuncio de venda da planta de Alu Ibérica da Coruña, tan só oito meses despois
de que se formalizase a transmisión das plantas de Alcoa Avilés e A Coruña a Parter
Capital, polo anuncio da adquisición da factoría de Arteixo
polo Grupo Industrial Risco, que a través do seu vehículo de investimento
System Capital Management SL (SCM),
pasaba a ser propietaria de 75% das accións e a se facer co
control da actual Alu Ibérica.
O deputado
nacionalista salienta que a operación de venda por parte de Parter Capital ao
Grupo Riesgo se fixo de forma
apresurada e sen que tan sequera se informase ao Comité de
Empresa. “Desde que se fixo pública a adquisición, os
representantes das e os traballadores da factoría advertían sobre a dubidosa
solvencia e a pouco fiábel praxe empresarial dos novos
compradores” sinalou o deputado.
“Debe lembrarse que a
venda das factorías de Alcoa a Parter Capital estivo tutelada polo Ministerio de
Industria, quen deu o visto e prace á operación, destacando que
con ese acordo se daba cumprimento ao
compromiso subscrito entre o Goberno, as administracións autonómicas, os
comités de empresa e Alcoa para dar unha solución integral e viábel que garantise
os case 700 postos de traballo en risco” salientou.
O acordo de
venda incluía a implementación dun plan industrial que garantise o
futuro da planta, mais a venda por Parter a Riesgo puxo en
evidencia a falta de compromiso real do fondo suízo en lograr o obxectivo teoricamente
asumido” destacou Néstor Rego. Puxo tamén en dúbida o papel do
Ministerio na venda, tanto na elección do comprador, como na falta de actuación
cando se evidenciou que o adquirente
consideraba o contido do acordo papel mollado. “O resultado
foi que non se logrou o obxectivo, pois a suposta solución
alcanzada coa venda segue aínda a día de hoxe sen garantir a actividade
industrial e o mantemento do emprego”.
Oito meses
despois, o futuro da planta de Alu Ibérica na Coruña continúa cheo de
incerteza pois os novos propietarios “seguen sen avanzar cun plan
tanxíbel que asegure o mantemento da actividade produtiva e dos postos de
traballo” sinalou Rego. A formación nacionalista denunciou que neste tempo se acumularon denuncias de
despedimentos improcedentes e falta de pagamentos de salarios e mesmo
Inspección de Traballo certificou nun informe datado no mes de setembro de 2020
a falta de ocupación efectiva e dos investimentos necesarios na factoría.
Por esta razón,
o BNG acha que a única alternativa viábel é que o Goberno do
Estado interveña a planta de forma que
posteriormente a SEPI puidese procurar un investidor
fiábel que se comprometa a desenvolver o tan
necesario plan de reactivación industrial da factoría e que garanta o mantemento
da actividade e dos postos de traballo. Departamento de comunicación