SANTIAGO DE COMPOSTELA | Ante a escalada de contaxios, que acada
cifras de persoas infectadas pola COVID inéditas en Galicia, a portavoz nacional,
Ana Pontón, volve pedir un confinamento de dúas semanas como medida contundente
para frear a cadea de contaxios e salvar vidas, e insta ao Goberno central e á
Xunta que activen unha medida “dura” pero que se ten demostrado eficaz contra o
virus.
“Goberno central e Goberno galego deben
poñer en marcha a única medida que sabemos que é eficaz para frear a cadea de
contaxios como é o confinamento, que desde o BNG propoñemos sexa de quince días,
que permita baixar unhas cifras que
mostran o descontrol do virus”, demandou a líder nacionalista desde Ferrol,
onde mantivo un encontro de traballo con responsables municipais de todos os
concellos da comarca. “Sabemos que é unha medida drástica que
a ningún goberno lle gusta tomar pero que é eficaz para conter a pandemia e,
polo tanto, para salvar vidas”, recalcou.
A portavoz nacional do BNG fixo fincapé
na responsabilidade dos Gobernos central e galego “de poñer por diante a vida
das persoas, porque a súa máxima obriga é protexer á poboación e non entendemos
como á vista da evolución da pandemia non se toma unha decisión deste tipo que,
evidentemente, non é fácil, ninguén quere tomar porque a ninguén lle gusta
poñer sobre a mesa un confinamento, pero é a medida máis eficaz para poder
salvar vidas, preservar a saúde e preservar a economía”.
O confinamento debe acompañarse, alegou,
das necesarias axudas económicas para cubrir aos sectores que máis sufrirían
cun confinamento e que xa están tendo un impacto moi importante coas actuais restricións.
Pontón, insistiu en subliñar a falaz dicotomía entre economía e saúde, “porque
non haberá recuperación económica mentres non se controle a pandemia”.
Pontón xa propuxo este mesmo luns un
confinamento de dúas semanas no caso de que a evolución dos datos non
demostrasen un control da curva de contaxios de xeito inmediato pero, lonxe de
ser así, nos últimos días as cifras non fixeron máis que aumentar tanto en
termos de persoas infectadas, como hospitalizacións, ocupación de UCIs e
falecementos. Razón pola que o BNG volve a solicitar a ambos gobernos un
confinamento. Departamento de comunicación