SANTIAGO DE COMPOSTELA | A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, cualifica de “primeira vitoria contra a precariedade laboral no SERGAS” a comparecencia dunha representación das Enfermeiras Laborais en Loita na Comisión de Peticións que terá lugar o vindeiro martes 26. Nesta sesión está previsto que Catuxa Lagarón explique os incumprimentos da normativa comunitaria, causados pola utilización abusiva da contratación temporal para cubrir necesidades permanentes.
Esta comparecencia está motivada pola denuncia presentada na Eurocámara en decembro de 2019, -e entregada á eurodeputada letoa, vicepresidenta da Comisión de Peticións, Tatjana Zdanoka-, polas Enfermeiras Eventuais en Loita no transcurso dunha xornada de traballo organizada polo BNG. A denuncia inclúe abundante documentacións sobre a precariedade que marca a traxectoria laboral destas profesionais da enfermería, tal e como recoñeceron a propia Comisión de Peticións e a Comisión de Emprego nos seus escritos de valoración da denuncia.
Segundo subliña Ana Miranda a precariedade laboral deste sector “está cumpridamente demostrado”, tal e como recoñece a Comisión de Emprego. Neste sentido explica que a utilización abusiva dos contratos temporais incumpre a cláusula 5 do Acordo Marco sobre o Traballo de Duración Determinada do anexo da Directiva 1999/70, así como a Resolución do Parlamento Europeo sobre a precariedade laboral aprobada en maio de 2018, e son estes incumprimentos das autoridades sanitarias do Estado e do SERGAS os que está investigando a Comisión Europea.
“O abuso dos contratos temporais que promove o PP no SERGAS non da resposta dá resposta as necesidades da sanidade pública galega”, manifesta a portavoz do BNG en Bruxelas, posto que a porcentaxe de profesionais de enfermería por 1.000 habitantes está moi por debaixo da media europea, xa que no Estado español hai 5,3 por cada 1.000 habitantes fronte ao 8,8 da Unión Europea, sendo o cuarto Estado europeo na cola do rateo de enfermeiras por habitante. “E por riba, esta situación agrávase en Galiza debido ao envellecemento da poboación”, apunta Miranda.
Empeoramento na pandemia
“Na sesión da Comisión de Peticións do vindeiro martes defenderemos que, tal e como sinala a Comisión de Emprego da Eurocámara, o uso da contratación temporal para cubrir necesidades permanentes supón un abuso e vulnera a normativa comunitaria”, explica Catuxa Lagarón a respecto do documento emitido pola presidenta da Comisión de Emprego, Duriš Nicholsonová, en resposta á presidenta da Comisión de Peticións, Dolors Montserrat.
As Enfermeiras Eventuais en Loita tamén relatarán na súa comparecencia como durante a pandemia, as súas condicións de traballo, lonxe de mellorar, fixéronse máis duras. Así, Catuxa Lagarón sinala que ademais de condicións laborais precarias, as profesionais de enfermería levan case un ano sufrindo altos niveis de risco para a súa propia saúde e un esgotamento tamén motivado polas dificultades para conciliar a vida laboral e a persoal.
Por outro lado, a denuncia presentada na Eurocámara contra o SERGAS que se tratará o vindeiro martes expón que a administración incumpre a obriga de transparencia, xa que non fai público o número de traballadores e traballadoras fixas e eventuais que traballa nos seus centros, así como os nomeamentos de carácter eventual ou de substitución que realiza a diario. Departamento de comunicación