MADRID | O Bloque Nacionalista
Galego, despois de manter varias reunións con representantes do sector, decidiu
levar ao Congreso a demanda de baixar o tipo impositivo dos salóns de peiteado,
barbería e estética de 21% actual a 10%. “Fixémolo primeiro cunha emenda nos
Orzamentos Xerais do Estado, que foi rexeitada polo voto negativo dos dous
partidos do Goberno, PSOE e Unidas Podemos” salientou o deputado nacionalista,
Néstor Rego. Agora o BNG rexistra de novo unha iniciativa para que esta mudanza
sexa debatida unha vez máis no Congreso e se inste o Goberno a baixar o IVE a
10%.
O BNG denuncia
que o sector paga neste momento as consecuencias dunha decisión inxusta. En
setembro de 2012, en plena crise económica, o Goberno do Partido Popular
aprobou unha suba do IVE para algunhas actividades de 8 a 21%, de modo que os
salóns de peiteado e estética tiveron que facer fronte a un incremento de 13
puntos dun día para outro. Debido precisamente á baixada do consumo naquel
momento de inestabilidade económica o sector decidiu manter os prezos estábeis,
isto é, non trasladaron a suba á clientela, pois tal e como prometera daquela o
Goberno de Rajoy, a suba do IVE neste sector ía ser temporal. “Outras
actividades viron cumprido o compromiso e xa teñen de novo o IVE en 10%, mais os
salóns de peiteado, barberías e estéticas continúan a padecer o tipo máis alto
do imposto” sinalou Rego.
O deputado
nacionalista destacou que “máis de oito anos despois o sector, ao igual que
toda a sociedade, está a vivir outra profunda crise económica derivada da
COVID19. As restricións horarias, as limitacións á mobilidade, a redución dos a
foros, e a minguada capacidade adquisitiva de usuarios e usuarias, fan que
manter as portas abertas sexa un desafío todos os días”. A pesar de que durante
o máis duro do confinamento, en pleno Estado de alarma, os salóns de peiteado
foron consideradas unha actividade esencial e seguiron abertas dando un servizo
público, o BNG considera que non encontraron nos Gobernos a axuda que
necesitaban e viron denegada a única medida que reclamaban de forma urxente
para poder seguir abrindo todos os días: a baixada do IVE a 10%. Néstor Rego
salientou que “efectivamente, as perruqueiras e perruqueiros cumpren unha
importante función social, pois, ademais da estética, encárganse de atender as
necesidades de moitas persoas dependentes ou de avanzada idade para as que o
lavado de cabelo e peiteado non é vaidade, é hixiene”.
Por esta razón,
o BNG considera que é de xustiza e ademais non repercutiría negativamente na
recadación na medida en que esta baixada do IVE que serviría de axuda directa e
permitiría manter abertos moitos negocios que doutro modo, advirte, se verían
na obriga de fechar -como xa pasara na anterior crise- ou pasar á economía
somerxida no servizo a domicilio e que, por tanto, deixarían de pagar impostos,
mentres que a baixada permitirá que sigan contribuíndo á Facenda pública. Departamento de comunicación