CERCEDA | Con
motivo da conmemoración do Día Mundial da Educación Ambiental (26 de
xaneiro), Sogama lanza unha visita virtual ás súas instalacións, a
través de animación en motion graphics, co fin de explicar, dunha forma
didáctica, amena e divertida, a actividade desenvolvida no Complexo
industrial de Cerceda (A Coruña), onde se centralizan os residuos
urbanos procedentes de 295 concellos ou, o que é o mesmo, os producidos
por máis de 2.242.000 habitantes.
Pensada
para todos os públicos, pero orientada fundamentalmente a mozos de
entre 12 e 18 anos, con esta iniciativa preténdese dar certa
continuidade ao programa de visitas a esta entidade pública, suspendido
en marzo do pasado ano con motivo da COVID-19. Neste
caso, un mozo e unha moza relatan a xestión de residuos urbanos no
modelo Sogama: desde que se producen nos fogares ata que se transvasan
nalgunha das 37 plantas de transferencia situadas estratexicamente por
todo o territorio galego, transpórtanse a Cerceda (por ferrocarril ou
estrada) e trátanse no Complexo cercedense, que dispón de todos os
mecanismos operativos e tecnoloxías máis innovadoras e vangardistas.
Con
tal fin, dispón de distintas infraestruturas polas que discorre o
residuo para propiciar a súa valorización, ben a través do seu
reciclado, no caso de que as características do material así o permitan,
ou ben a súa valorización enerxética, cando se trata de refugallos que
non reúnen os requisitos para ser reciclados.
Valoración material ou enerxética
Diferénciase
así as dúas fraccións de residuos que se atopan baixo a xestión de
Sogama: bolsa amarela (envases de plástico, latas e briks) depositados
pola poboación nos contedores amarelos, que se separan automáticamente
por tipoloxías na planta de clasificación para o seu posterior envío aos
centros recicladores; e a bolsa negra (lixo convencional), cuxo destino
é o contedor verde xenérico e da que consegue segregar a parte
reciclable grazas á nova planta que opera en liña coa industria 4.0.
Os
residuos non reciclables convértense nun combustible CDR que alimenta
unha planta termoeléctrica, onde se xera a enerxía suficiente coa que se
podería abastecer ao 12% dos fogares galegos.
Segregar en orixe, primeiro paso
Os
relatores inciden na importancia de separar correctamente os residuos
no fogar e depositalos nos contedores correspondentes para que sexan
convertidos en novas materias primas, aforrando con isto enerxía e
materias primas virxes. Así
mesmo, insisten na necesidade de concibir os refugallos como recursos
que forman parte dun modelo de desenvolvemento definido pola economía
circular, propiciando que os produtos se manteñan na economía o maior
tempo posible a través do seu máximo aproveitamento. Video visita guiada