SANTIAGO DE COMPOSTELA | A portavoz nacional, Ana Pontón, lamentou a
falta de resultados do encontro mantido entre o presidente do Goberno do Estado
e da Xunta: “A reunión entre Sánchez e Feixóo foi un auténtico bluf e ben que lamento ter que dicilo así, pero o certo é
que o presidente da Xunta volve coas mans baleiras a pesar da situación de
emerxencia sanitaria, económica e social que temos no país”.
Un encontro que
remata sen nada concreto para Galiza, pese as moitas cuestións pendentes,
algunhas das cales son exactamente as mesmas que se plantaron na xuntanza que
mantiveron fai dous anos con idéntico resultado final, demostrando “a falta de
peso político e a incapacidade de Feixóo para defender os intereses dos e das
galegas”.
“O resumo do
encontro é cero propostas para afrontar a pandemia, cero propostas para
enfrontar a crise económica, cero propostas para frear o declive industrial
vinculado á transición enerxética”, recalcou, “o único concreto é un novo
retraso na chegada do AVE”, salientou a líder nacionalista.
En relación á
dramática evolución da COVID en Galiza, Pontón lamentou que Feixóo “perdese a
oportunidade de reclamar un confinamento ao presidente do Goberno central,
tendo en conta que é a única medida que pode cortar de raíz a vertixinosa cadea
de contaxios e polo tanto salvar vidas, media que solicitan cada vez máis
expertos e persoal sanitario”.
A líder
nacionalista tamén criticou a falta de ambición do xefe do Executivo galego á
hora de conseguir un reparto xusto dos fondos europeos de recuperación
económica, o Next Generation.
“O propio
Feixóo deixou claro na súa comparecencia que os publicitados 108 proxectos para
concorrer a estes fondos son pura ciencia ficción a excepción de cinco, e o
resto queda nun mero recheo”, denunciou, o que conleva que, no mellor dos
casos, Galiza recibiría un 4,6% do total das axudas directas, moi por debaixo
dos 12.900 millóns de euros que solicita o BNG. Igualmente, tamén renuncia a
que eses recursos sexan xestionados directamente desde aquí, e volve abrazar a
recentralización na que Galiza sempre perde.
A única
cuestión concreta dese encontro, recalcou Pontón, foi a rebaixa das peaxes da
AP9 e a gratuidade do tramo Vigo-Redondela, “que como todo mundo sabe é froito
do acordo de investidura pactado entre BNG e PSOE, que aspiramos se materialice
canto antes tendo en conta que dispón dunha partida nos orzamentos do Estado
por importe de 55 millóns de euros”, concluíu. Departamento de comunicación