SANTIAGO DE COMPOSTELA | O deputado do
BNG, Néstor Rego, acompañado pola deputada no Parlamento de Galicia, Iria
Carreira, e as concelleiras de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartin e
Navia Rivas, presentou unha campaña social co obxectivo de conseguir que o
Goberno español active as rebaixas da AP9 comprometidas no acordo de
investidura asinado entre BNG e PSOE. Así mesmo, a organización nacionalista
solicitou no Congreso que a Lei de transferencia de competencias da autoestrada
se faga pola vía de urxencia.
Entre as medidas asinadas no
acordo de investidura entre BNG e PSOE recollían a bonificación do cen por cen
a todos os usuarios e usuarias recorrentes da AP9. “Aquelas que fagan, polo
menos, dúas viaxes ao día todos os días da semana sexan particulares ou
profesionais” explicou o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. Amais,
lembrou tamén o compromiso de eliminar, de maneira inmediata, a portaxe do
tramo entre Vigo e Redondela, así como que os “Orzamentos do Estado asumirán o
1% de incremento anual previsto acumulativo durante vinte anos como
consecuencia das obras realizadas en 2011 e 2013”.
A partir dese acordo de
investidura incorporáronse tres partidas específicas nos OXE para facer posíbel
que estas medidas se levasen a cabo polo que Rego sinalou que “non hai razón de
ningún tipo para que o goberno demore que entren en vigor. Deberían ter entrado
o un de xaneiro e non é razoábel, que en vez de baixar as portaxes, o que se anunciara
fora que a AP9 fose a autoestrada por cuarto ano consecutivo que máis subía de
todo o Estado español”.
“O BNG dixo no seu día que
xaneiro era prazo máis que suficiente como para que o goberno puidese ter
preparado o decreto que permitise a aplicación da baixa destas peaxes e que se
non fora así, a organización nacionalista chamaría a mobilización social”
apuntou o deputado nacionalista. Tendo en conta o contexto de pandemia, Rego
anunciou o comezo dunha “campaña informativa” consistente na pegada de cartaces
e faixas, así como a distribución de folletos e a difusión de información a
través das Redes Sociais.
Respaldo da sociedade galega e a defensa dos intereses de Galicia
Rego afirmou que “detrás deste
tema non só se atopa o BNG senón o conxunto da sociedade galega” posto que o
BNG leva tendo reunións con múltiples colectivos afectados polas portaxes: “desde
asociacións de veciños e veciñas a transportistas profesionais, que están
dispostas a mobilizarse”.
“Do que se trata é de rematar cun
agravio, cunha discriminación que padecemos todas as galegas e galegos e que
ten consecuencias non só na economía familiar, senón tamén para o
desenvolvemento económico do noso país” sentenciou Rego.
Transferencia da AP9 pola vía de urxencia
Para rematar, o deputado lembrou
que o BNG foi pioneiro no traballo relativo a transferencia da AP9, tanto desde
a mobilización social como o traballo institucional, conseguindo a unanimidade no
Parlamento da Galiza. Esta semana votouse no Congreso dos deputados a toma en
consideración desa lei mais a formación nacionalista entende que non existe
ningunha razón para esperar no seu trámite.
Neste sentido, Néstor Rego anunciou
que o BNG xa rexistrou no Congreso a solicitude para que esa tramitación se
faga pola vía de urxencia. “Para que antes do verán poida estar completada a
tramitación e a transferencia da AP9 como primeiro paso para unha xestión desde
Galiza con criterios social e medioambiental e cunha perspectiva futura de que
a autoestrada poida ser galega e libre de peaxes” concluíu o deputado. Departamento de comunicación