SANTIAGO DE COMPOSTELA | A recuperación económica precisa recursos e
Galicia xógase moito en recibir a parte que lle corresponde dos fondos europeos Next Generation, 12.600 millóns de euros segundo a
estimación do BNG. Por iso, a portavoz nacional, Ana Pontón, denunciou “a falta
de ambición, de seriedade e de rigor” de Feixóo á hora de afrontar esta
negociación clave para sacar ao país da crise.
“O único que
hai é un presidente da Xunta convertido en axente comercial dun puñado de
multinacionais, mentres deixa na estacada ao tecido produtivo real, ás pequenas
e medianas empresas, aos traballadores e traballadoras autónomos. Un presidente
que no encontro-fiasco con Sánchez renunciou
a pedir a xestión directa e que se conforma con recibir o 4,6% dos fondos
europeos de recuperación”, criticou.
A líder
nacionalista denunciou a falta de estratexia de Feijóo para evitar que Galiza
saia perdendo no único fondo extraordinario ante a crise, tendo en conta que a
día de hoxe todo o que hai son anuncios sobre “proxectos pantasma”, dos que
nada se sabe máis aló “dun powerpoint cutre de doce folios no que se fas unha
simple suma nin sequera dan as cifras que se publicitan. Iso é todo o que o
Goberno do PP remitiu ao Parlamento”, denunciou.
Fronte a iso, “o
BNG vai seguir reclamando até o último euro que lle pertence a Galiza deses
fondos e a súa xestión directa, porque se Europa fai un reparto
territorializado, nada impide que se faga tamén dentro do Estado”, explicou,
recalcando que non se defende Galicia “con soflamas nin con golpes de peito,
senón con feitos”. “Ofrecinlle até
tres veces nesta Cámara dialogar para poñer en marcha unha estratexia de país
para obter os máximos recursos do Next
Generation do que debemos aspirar a un 9% para impulsar o sector
industrial, a dixitalización ou unha transición enerxética xusta”, argumentou.
Unha oferta á
que Feixóo respondeu desde a descualificación e a crispación, cando o que
precisan os galegos e as galegas son propostas de futuro política con altura de
miras, alegou a líder nacionalista. “Pídolle que non veña a aquí con máis
politiqueo barato porque estamos no medio dunha crise na que está a xente
morrendo, con miles de persoas desesperadas á que nada lles serve que veña a
este Parlamento a atacar ao BNG para esconder os seus erros, nin lle serve de
nada aos galegos e as galegas, nin lle serve de nada ao país. Poñamos Galiza
por diante e, desde logo, o BNG vai seguir traballando nesa dirección”.
Pontón utilizou
a sesión e control ao xefe do Executivo para preguntar pola estratexia do
Goberno do PP ante a negociación do fondo Next
Generation, pero sen resposta algunha por parte dun presidente da Xunta que
nada aclarou sobre “a cerimonia da confusión” dos proxectos galegos para
concorrer a estas axudas directas.
Cerimonia de confusión
“O 17 de
outubro anuncia sete proxectos por 3.200 millóns e 18.000 empregos; o 22 de outubro
os proxectos multiplicáronse até 108 por 9.400 millóns e sen aportar cifras de
emprego. O 29 de xaneiro, tras o encontro co presidente do Estado, os 108
proxectos pasan a cinco que definiu como moi concretos, vese que o resto deben
ser inconcretos ou de recheo”, ironizou, “pero nin eses proxectos que define
como moi concretos se libran da súa cerimonia da confusión”.
“Collamos a planta
de viscosa: o 12 de outubro anuncia que supón 700 millóns e 800 empregos, o 30 de
novembro este proxecto pasa a 900 M€ e mil empregos e o 29 de xaneiro a mesma
planta sobe a 1.140 millóns e 9.700 empregos. En dous meses a mesma planta multiplica
por dez a creación de emprego”, explica Pontón para denunciar a falta de
seriedade e de rigor nunhas propostas nas que os datos mudan en cada anuncio. “Póñolle tamén
o exemplo da planta de economía circular: o 12 de outubro ten un investimento
de 525 millóns e 800 empregos, pero o 29 de xaneiro baixa a 500 millóns mentres que os
empregos pasan de 800 a 5.000. Que tomadura de pelo é esta señor Feixóo?”,
interpelou a líder nacionalista.
“Non é serio, e
resulta evidente que esta mestura de
opacidade e propaganda é para tapar que detrás non hai nada, nin proxecto nin visión
de país”, denunciou a portavoz do Bloque. “Galiza non se defende con golpes de
peito, senón con feitos e os seus feitos son que vai a unha reunión co
presidente do Estado e non consegue nada para este país, nin antes con Raxoi,
nin agora con Sánchez”, concluíu. Departamento de comunicación