El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Sociedad

LOBO IBÉRICO

O BNG defende a protección do lobo

Propón compatibilizala con medidas de prevención e compensación ao sector gandeiro.

16-02-2021 18:40:26

SANTIAGO DE COMPOSTELA | O BNG defende a necesidade de protexer o lobo, dando cumprimento ademais a un mandato legal internacional, e compatibilizar esta protección coa dos sectores económicos que desenvolven a súa actividade no medio rural, especialmente o da gandería, a través do despregamento dun conxunto amplo de medidas e recursos destinados á prevención e á compensación dos danos que ocasiona esta especie.

Así o defendeu en comisión parlamentaria o portavoz nacionalista de Medio Ambiente, Luís Bará, quen recalcou que o debate sobre o lobo está sometido a “altas doses de populismo, manipulación, oportunismo e alarmismo” posto que se está desenvolvendo unha campaña que denominou de “lobofobia” pretendendo converter a este animal “en culpable de todos os males do rural”. “O problema non é o lobo, o problema é a falta de medios de axuda da Xunta e do resto de gobernos para a gandería, sobre todo para as 2.400 explotacións que traballan en extensivo; en definitiva, unha mostra máis do abandono do medio rural”, recalcou.

Bará recordou que a protección desta especie é unha obriga derivada do contexto legal internacional (segundo o convenio de Berna e directiva comunitaria) e que a maior parte dos países europeos xa teñen desenvolvida a súa protección, incluído o país veciño Portugal, que dende 1990 outórgalle o máximo grao como especie protexida en perigo de extinción. “A vostedes preocúpalles que o lobo pase de ser especie cinexética amparada pola lei de caza a especie protexida amparada pola lei de Patrimonio Natural e da Biodiversidade”, reprochou ao grupo parlamentario do PP, para a continuación subliñar “porque isto vai ter consecuencia penais, sobre todo sobre eses máis de 200 lobos que cada ano se matan ilegalmente con distintos métodos”.

Logo de afearlle tamén a falta de desenvolvemento e incumprimento do Plan de Xestión do Lobo de 2008, o portavoz de Medio Ambiente propuxo acometer correctamente a protección da especie cun novo plan ou co cumprimento e actualización do de 2008. “O lobo debe estar na Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial (LESRPE) e tamén na listaxe galega prevista na Lei de Patrimonio Natural e da Biodiversidade”, explicou logo de reclamar un estudo de investigación (o último é de 2015) para obter unha radiografía correcta da situación do lobo en Galicia.

Segundo explicou, a isto hai que sumarlle a ampliación e potenciación das medidas de prevención -entre as que citou os peches de terreos cando así sexa posible ou a dotación de mastíns nas explotacións- cos recursos económicos, materiais e humanos necesarios e incluíndo o asesoramento sobre o territorio do persoal da Administración para axudar ás persoas que con tanto esforzo desenvolven actividades económicas no medio rural.

De igual xeito, propuxo o desenvolvemento dun plan de axudas, amplo, áxil e ben dotado, para compensar os danos provocados polo lobo, eixo de actuación que considerou “clave” para que as e os titulares de explotacións agrogandeiras “se sintan protexidas e defendidas pola Administración galega”. Por último, instou ao Executivo de Feixóo a ampliar os plans de información, sensibilización e educación para loitar contra a estigmatización da especie e, neste sentido, afeou ao PP a non creación do Foro galego sobre o Lobo, previsto no plan de xestión de 2008. “Isto da medida dos intereses que hai detrás e de como vostedes non queren buscar acordos senón polarizacións”, criticou.

En todo caso, Bará incidiu en que esta ampla dotación de recursos non debe recaer só sobre a Xunta, senón que debe contar coas achegas do Goberno estatal e da UE, porque tanto o lobo como a gandería cumpren funcións ecosistémicas o primeiro e económicas e sociais a segunda que teñen que ser apoiadas tamén dende estas dúas administracións.  

Así pois, o BNG ofreceu o seu voto favorable á proposición non de lei do PP debatida en comisión parlamentaria sobre os puntos coincidentes coa súa proposta, pero rexeitou o punto no que se mostraba a disconformidade coa inclusión de todas as poboacións do lobo ao norte do Douro na LESRPE. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias