SANTIAGO DE COMPOSTELA | A portavoz
nacional, Ana Pontón, e a portavoz parlamentaria de Ciencia, Olalla Rodil,
presentaron a proposición de lei Ángeles Alvariño para corrixir a discriminación
que soportan as mulleres no ámbito da ciencia e da investigación no acceso ás
convocatorias e axudas con procesos selectivos que penalizan as baixas por
maternidade.
“A desigualdade
é unha dura realidade coa que convivimos as mulleres en todo o planeta, pero
hoxe queremos centrarnos na discriminación nun ámbito moi concreto, -o da
ciencia e da investigación-, e poñer o foco nun aspecto igual de concreto, -o
da maternidade-, noutras palabras, a discriminación que obriga ás mulleres a
ter que elixir entre ser nais ou ser científicas”, salientou Pontón na
comparecencia.
Unha disxuntiva que constatan as denuncias dos
últimos anos especialmente nas convocatorias públicas de I+D+i, como no caso das axudas posdoutorais da
Xunta. En 2020 tres investigadoras posdoutorais presentaron unha denuncia ante
a Valedora do Pobo pola discriminación na avaliación do seu rendemento por
terse acollido a permisos de maternidade.
Ou o caso de María de la Fuente, directora de
Nanooncoloxía do Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago, a quen unha
sentenza recente lle deu a razón recoñecendo que foi discriminada por razón de
xénero porque no cómputo da súa traxectoria profesional non se tivo en conta os
meses de permiso de maternidade.
Ao lado dos criterios de avaliación que
discriminan ás científicas que optan por ser nais, hai que sumar que son as
mulleres, tamén neste eido, as que asumen o peso dos coidados e da conciliación,
de tal xeito, que case o 50% das científicas abandonan a súa carreira investigadora
a tempo completo tras ser nais, segundo Nature.
En Galicia apenas o 27% das
universitarias cursan carreiras científicas ou técnicas, e só dúas de cada dez
cátedras no SUG están ocupadas por mulleres. “Por iso temos que avanzar na corresponsabilidade
e suprimir as barreiras que impiden competir en condicións de equidade ás
mulleres. E ese é o obxectivo desta proposta de lei”, recalcou Pontón. En definitiva, sentar as bases para
acabar cunha situación que, de facto, obriga a escoller entre ser científicas
ou ser nais. “Unha inxustiza para as mulleres que a sofren pero tamén unha
perda de talento para o conxunto do País e por iso queremos acabar cunha
discriminación ás mulleres científicas que, ademais, nos empobrece como
sociedade”, sintetizou a líder do BNG.
Como explicou
Rodil, “nomeamos a proposición de Lei Ángeles
Alvariño en homenaxe a esta galega pioneira da oceanografía na década dos
70 nos EEUU e referente na loita contra a discriminación das mulleres na
ciencia que coñecía moi ben porque a sufriu en primeira persoa”.
O texto lexislativo recolle medidas
para garantir a igualdade de xénero no acceso ás convocatorias de investigación
nas universidades, organismos de investigación e entidades do sistema de I+D+i
galego, “igualdade que a día de hoxe a Xunta non garante”. Así mesmo, busca
incorporar a perspectiva de xénero na universidade e na investigación, á fin de
promover a igualdade entre mulleres e homes.
Rodil detallou as propostas máis
significativas dunha proposición que pon o foco na discriminación por
maternidade. Entre elas, medidas para dar visibilidade ao traballo das
investigadores, por exemplo a través a creación de cátedras de xénero, apoiando
a participación en órganos colexiados ou potenciando a vocación científica entre
as mulleres.
Igualmente, medidas que promovan un usos dos tempos e da
organización do traballo que facilite a conciliación e favoreza a
corresponsabilidade. “É unha proposición de lei pioneira para seguir avanzando
nunha sociedade máis xusta e democrática”, concluíu Rodil. Departamento de comunicación