MADRID | O deputado do BNG, Néstor Rego,
reclama ao Estado que rectifique e recorra a sentenza da Audiencia
Provincial da Coruña sobre a indemnización á familia
Franco despois de teren obtido o inmóbel “a
través do roubo e o espolio ao pobo galego”. Os bens deben ser
devoltos, mais non pode aceptarse ningún pagamento
aos herdeiros do ditador.
O Bloque Nacionalista Galego xa
rexistrara no Congreso, na terza feira, unha iniciativa que instaba o Goberno
do Estado a recorrer a sentenza ditada pola Audiencia Provincial. Tras coñecer
que o Estado non recorrerá e aceptará indemnizar a familia Franco, o
deputado Néstor Rego reclama ao Goberno que rectifique para que
“se faga xustiza cos bens espoliados polo franquismo”.
Como recoñece a propia sentenza,
todos os bens adquiridos pola familia Franco en Meirás durante a ditadura,
foron obtidos de modo fraudulento e legalizados a través dunha venta simulada.
“É unha sentenza vergoñenta. Resulta indignante que se lles aplique a
presunción de que a súa posesión fose “de boa fe” e que descoñecesen a
procedencia dos bens. É evidente que coñecían a procedencia ilícita dese
patrimonio, así como a simulación do contrato que permitiu a
inscrición do título de propiedade e toda a historia de espolios que están
detrás destes bens, despois de que durante décadas diferentes organizacións
sociais e políticas reclamásemos a devolución
dos bens e denunciasen a ilegalidade da súa posesión”
enfatiza Rego.
Néstor Rego considera unha
burla que se indemnice agora aos herdeiros do ditador. “Non se
pode permitir que o pobo galego volte a pagar o Pazo de
Meirás. Hai que reclamar unha rectificación por parte do Estado. Esta sentenza
ten que ser recorrida” afirma
o deputado do BNG no Congreso. “Non podemos permitir, como sociedade, que estes
feitos fiquen impunes. Hai que actuar baixo os parámetros de verdade, xustiza e
reparación” subliña Néstor Rego. Departamento de comunicación