FERROL | O BNG elixiu Ferrol para presentar as súas propostas
para reactivar o sector industrial e enerxético que recolle no documento Xerar Futuro, Galiza Next, programa presentado
pola formación nacionalista para mobilizar un investimento de 14.380 millóns de euros en dez
anos, con cargo aos fondos de recuperación europeos, cifra da que 1.162 millóns son
para poñer en marcha as actuacións relativas a eses dous sectores.
En relación ao sector
enerxético o investimento os
proxectos suman 412 millóns para unha estratexia que ten como obxectivo converter
Galiza en líder en enerxías renovables e eco-sociais, “tendo en conta que somos
unha potencia en produción eléctrica”, explicou a portavoz nacional, Ana
Pontón, durante a presentación.
Como punto de
partida, o Bloque aposta por unha planificación dese o público, e para iso propón
unha empresa pública de enerxía cun capital de 50 millóns, “desde a que dirixir a
transformación enerxética e marcar a estratexia que lle permita a Galiza
beneficiarse do feito de ser produtora neta de electricidade. O rescate das
concesións hidroeléctricas sería un dos obxectivos desta empresa pública”,
indicou.
Outra das
propostas é a posta en marcha dun Centro de almacenamento de enerxía cun
investimento de 100 M€, “porque a capacidade para almacenar enerxía é unha
cuestión clave para afrontar a descarbonizción e unha transición enerxética
xusta”, indicou Pontón, quen tamén explicou porqué este centro debe estar no concello das Pontes.
“É a ubicación
perfecta pola súa experiencia no sector enerxético e pola urxencia de darlle
alternativas ao peche de ENDESA. Noutras palabras, convertamos a transición
enerxética nunha oportunidade, de tal xeito que as instalacións do centro de
almacenamento vaian en paralelo á instalación de fontes renovables no propio
concello”, salientou. Entre as
proposta enerxéticas, a constitución de Comunidades locais de enerxías
renovables, -figura xurídica que xa existe na UE-, cun investimento de 212 millóns, “para avanzar no beneficio social
da enerxía entendida como un ben público e non como mercadoría con beneficios
millonarios para un puñado de multinacionais”, indicou a líder nacionalista, “promovendo
un sistema máis eficiente, máis xusto e colaborativo dos recursos enerxéticos”.
En canto ás medidas para
impulsar o sector industrial, parte da
premisa de que este País precisa con urxencia unha estratexia industrial capaz
de xerar valor engadido e emprego nos sectores con máis potencial: naval,
automoción, aeroespacial, robótica, químico-farmacéutico, forestal,
agrogandeiro e mar-industria.
Plan de fomento da actividade tecnolóxica e industrial
“O obxectivo deste plan é
conseguir que no prazo dunha década o sector industrial aporte o 25% do PIB
galego, e para iso propoñemos un Plan de
fomento da actividade tecnolóxica e industrial a dez anos e cun
investimento de 1.250 M€, para a promoción dun tecido industrial
orientado á creación de valor engadido e emprego de calidade”, indicou. Destacou a proposta
dun centro de reparación naval na Ría de Ferrol, unha vella demanda que se pode
financiar con cargo aos fondos europeos de recuperación.
“Non me canso de
dicilo, se algo precisa esta comarca é compromiso político para poñer en marcha
unha estratexia de futuro. E non
relativo ao sector naval, o problema de fondo sigue aí: o acceso á construción
naval civil, vetada na práctica, e non hai ningunha folla de ruta para captar
carga de traballo nas reparacións, na eólica mariña, en carenas e outros nichos
de mercado dentro deste sector”, argumentou.
Plan de rexeneración produtiva das rías
Pontón tamén
explicou o Plan de rexeneración produtiva
das rías, cun investimento de 1.096 millóns, un dos plan estratéxicos de Xerar Futuro, Galiza Next.
“Un proxecto de
país que ten por obxectivo a recuperación integral dun ecosistema único,
xerador de riqueza e de emprego, que recolle actuacións en tres áreas: rexeneración
e recuperación ambienta, investigación científica e comercialización e
transformación”, explicou.
No ámbito da
recuperación ambienta inclúe recuperar todas as rías máis contaminadas, Completar
e modernizar a rede de saneamento dos concellos a carón das rías, que deben ter
unha depuración integral das augas residuais, recuperación de espazos danados
por obras públicas para restablecer no posible á situación previa e rexeneración
dos fondos das rías a través das necesarias dragaxes adaptadas as necesidades
de cada ría.
En definitiva, Xerar Futuro, Galiza Next “é unha proposta
do BNG para converter esta crise nunha oportunidade, para conseguir que tras a
pandemia emerxa a Galiza do futuro: unha Galiza ecolóxica, científica, social e
feminista”, concluíu Pontón unha presentación na que tamén participou o
deputado de Ferrol Ramón Fernández e o portavoz municipal, Iván Rivas. Departamento de comunicación