SANTIAGO DE COMPOSTELA | O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, presentou hoxe en
compañía do presidente do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, e da
voceira de Igualdade e cultura no Parlamento, Noa Díaz, as bases do plan
Rexorde Galicia para a reactivación económica, social e cultural de
Galicia a través do financiamento procedente da Unión Europea.
“O
noso reto é mobilizar para Galicia no entorno de 20.000 millóns de
euros de inversión pública e público-privada ata o ano 2027”, indicou
Gonzalo Caballero, con base no documento coordinado por Fernández
Leiceaga, que precisa que poderían mobilizarse entre 3.500 a 4.000
millóns de euros de inversión cada ano entre todas as administracións.
Por
iso, o líder do PSdeG subliñou que “é a hora de traballar
cooperativamente para sacar Galicia adiante, priorizando o
emprendemento, a modernidade e a xeración de emprego”, toda vez que sen
emprego “non hai prosperidade para a Galicia do futuro”.
Así
é que Gonzalo Caballero amosou a Feijóo a súa “man tendida” e chamou
tamén a todas as forzas políticas e sociais a sumarse a un “gran acordo
que nos faga saír desta crise con máis forza e unidos”. “Os fondos
europeos son a enerxía para unha Galicia verde, dixital, cohesionada e
igualitaria e non podemos desaproveitar esta oportunidade”, destacou.
Con
ese enfoque, o máximo dirixente dos socialistas galegos incidiu en que
“Galicia ten que aproveitar a oportunidade histórica” que trae consigo a
recepción deses fondos -un asunto no que se implicou “plenamente” o
propio presidente do goberno de España- para acadar a “reactivación”.
“Non podemos permitirnos o erro histórico de non aproveitar eses
fondos”, concluíu.
A Xunta vai "con retraso"
Pola súa banda, o presidente
do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, explicou que Galicia “arrastraba
problemas” xa antes da chegada da pandemia en cuestións demográficas e
de envellecemento da poboación ou no relativo ás dificultades para crear emprego, ao tempo que existían “desequilibrios territoriais” e “déficits” en materia de I+D+i ou de política industrial.
Ese
problemas existentes, como sinalou, “agraváronse” coa aparición da
covid-19, que fixo ademais que apareceran outros problemas como “o
debilitamento do sistema sanitario ou as dificultades para a adaptación
do sistema educativo”.
Precisamente por iso, o tamén
coordinador da Comisión Interparlamentaria do PSdeG puxo o foco na
necesidade de facer “unha boa xestión” dos fondos procedentes da UE,
logo de sinalar que “non é certo” o que di a Xunta sobre que o asunto
central é "o volume de cartos que vai xestionar”, porque xa neste ano a
Xunta xestiona o 60% dos fondos europeos que están nos orzamentos xerais
do Estado.
Iso si, advertiu que a UE estará “moi
vixiante” no destino dos cartos, a fin de que se utilicen para aquilo
que está previsto, como a dixitalización, a innovación ou a transición
ecolóxica.
Neste punto, Fernández Leiceaga criticou que
“aínda non existe un plan ben estruturado” por parte da Xunta sobre o
uso dese diñeiro. “A Xunta vai con moito retraso”, recalcou, consciente
de que debera estar xa “activando proxectos e convocatorias”. Por iso,
pediu ao goberno galego que “deixe a confrontación” e “empece a
cooperar” co tecido social e empresarial e tamén co goberno de España.
Ao
fío disto, o senador socialista explicou que o plan Rexorde Galicia
elaborado polo PSdeG e coordinado por el mesmo inclúe 20 eixos de
actuación en eidos como a industrialización, a mobilidade e a vivenda, a
transformación do sistema produtivo, a aposta pola ciencia, o reforzo
da economía dos coidados, a xeración de emprego ou o impulso á cultura.
Dentro
deste programa, como indicou, hai máis de 60 programas específicos que
implican a distintas administracións para acadar “unha verdadeira
transformación” da economía galega.
Abaratar a AP-9
Por outra parte, o secretario xeral do
PSdeG fixo referencia ás declaracións recentes da Xunta en relación á
petición de rebaixas das peaxes da AP-9, a pesares de que o PP é o
responsable de ter privatizado a autopista e aumentado a súa concesión
ata 2048. “Cada vez que pagamos as peaxes ao cobrador da
cabina, a cara que vemos é a de Aznar, Rajoy e Feijóo”, afirmou Gonzalo
Caballero, quen deixou claro que “non imos permitir que nos queiran
tomar o pelo” cando “nada fixeron por abaratar a AP-9”.
De
feito, sinalou que “a Xunta non pon un só euro para bonificacións” -a
diferenza do que fan outras comunidades con autoestradas estatais-,
fronte aos 63 millóns de euros que o goberno de España introduciu nos
orzamentos xerais do Estado para rebaixar as peaxes da AP-9 e que o PP e
o BNG rexeitaron.
“Agora están moi nerviosos porque saben que os galegos ven que os
únicos comprometidos en todos os pasos necesarios para a rebaixa da AP-9
somos os socialistas”, recalcou, antes de indicar a Feijóo que, se
quere falar da autoestrada, ten que “desculparse” polo que “non fixeron e
obstaculizaron” dende o PP e “cambiar á conselleira” de
Infraestruturas, que fala da AP-9 pero non fai. Departamento de comunicación