El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Nacional

POLÍTICA | BNG

BNG censura a Pedro Sánchez que non cumpra coa Galicia e pídelle que rectifique

24-02-2021 12:47:37

MADRID | Durante a comparecencia de Pedro Sánchez no Congreso, o deputado do BNG, Néstor Rego, denunciou que o executivo español utilizou a pandemia “como escusa para incumprir os compromisos adquiridos coa Galiza” e exixiu ao Presidente do Goberno que rectifique, xa non se trata dun compromiso do BNG “senón con todos os galegos e galegas”. Rego sinalou que “aí seguen sen derrogar a Reforma Laboral ou a Lei Mordaza; sen aplicar as rebaixas nas portaxes da AP-9; sen solucións á crise industrial da Galiza, co foco na industria electrointensiva, en Alcoa, AluIbérica ou Endesa, ou sen resolver o problema dos emigrantes retornados”.

Para a formación nacionalista, non é de recibo que un ano despois  ter asinado un acordo de investidura a maior parte das medidas sigan sen seren aplicadas xa que, ademais, non se trata dun compromiso co BNG “senón con todos os galegos e galegas”. O deputado da organización nacionalista exixiu ao Goberno que rectifique posto que “cada día que pasa sen facelo, profundan no seu descrédito na Galiza, con máis persoas que pensan que non son vostedes de fiar, que o PSOE é un partido en que no se pode confiar”.


Reparto xusto de vacinas para a Galicia

Rego cualificou a xestión da pandemia por parte do Goberno do Estado como “altamente deficiente” porque “non se adoptaron medidas absolutamente necesarias” e primaron máis os intereses económicos “frente a salvar vidas humanas e a protección social foi manifestamente insuficiente”.

O deputado nacionalista criticou que o Goberno español limitase a adquisición de vacinas ao que se pode denominar 'espazo OTAN'. “Se a prioridade é salvar vidas, o lóxico é negociar con todos os laboratorios con vacinas dispoñíbeis para poder avanzar na vacinación canto antes” incidiu o deputado nacionalista, para afirmar que a día de hoxe a porcentaxe de persoas vacinadas non chegue nin a 3% “so pode ser cualificado de fracaso”. Rego aproveitou para reclamar un reparto xusto das vacinas, tendo en conta que a Galiza posúe 8, 2% da poboación do Estado de máis de 80 anos e está previsto que reciba apenas 5% das vacinas neste período.

Así mesmo, subliñou a necesidade de coñecer as contrapartidas polas axudas económicas que proveñen da Unión Europea e como van ser xestionadas: “cando van explicar cales son as condicións dos fondos europeos, como os van distribuír e a quen vai a beneficiar, ás maiorías sociais ou só aos de sempre?”.


Inadecuación do modelo autonómico

Así mesmo, o deputado do BNG criticou a xestión abordada desde “unha perspectiva centralista que -para alén das lecturas políticas- resultou en ineficacia e retardación das solucións para aplicar”.

“Primeiro anularon as competencias autonómicas vía decreto e agora un Goberno autónomo pode mover o toque de recoller unha hora arriba ou abaixo. Se a move tres horas, vai directamente ao Tribunal Constitucional, non vaia ser que rompa España” ironizou Rego durante a súa intervención. No mesmo ton irónico, Rego agradeceu ao Goberno que con esa actuación puxese en evidencia “a inadecuación do actual sistema autonómico para dar solución aos problemas dos nosos pobos”. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias