SANTIAGO DE COMPOSTELA | A portavoz
nacional, Ana Pontón, volveu poñer o foco na importancia de non perder a
oportunidade dos fondos europeos de recuperación e aproveitou a sesión de
control para facerlle entrega ao presidente da Xunta o documento 'Xerar Futuro, Galiza Next', que condensa
os proxectos do BNG para mobilizar 14.800 millóns de eruros para saír da crise e sentar ás
bases do desenvolvemento das próximas décadas.
“Voulle facer
entrega da proposta do BNG señor Feixóo, é agardo que a súa resposta non sexa
de novo o insulto, a difamación e o ataque porque os galegos e as galegas, aí
fora, esperan de nós o mellor ante a maior crise en tempos de paz que lle tocou
a este País”, indicou Pontón dirixíndose
ao xefe do Executivo. A líder
nacionalista facía esta advertencia tras denunciar a deriva “radical” dun
presidente da Xunta instalado na crispación e empeñado en “enlodar” o debate
parlamentario para evitar falar dos problemas reais.
“Cada día é
máis evidente que lle sobre este Parlamento e está facendo das súas
intervencións un exercicio permanente de trumpismo
político señor Feixóo, convertido no Trump de Galiza, e todo para tapar a súa nefasta xestión da crise e a súa
falta de proxecto para erguer o País”, denunciou, “pero desde o BNG imos seguir
traballando coa máxima responsabilidade para darlle alternativas á cidadanía e
temos unha proposta para falar en serio de como poñer en marcha a reactivación
económica e estou agardando a que o presidente da Xunta levante o teléfono para
falar do futuro do País coa forza que lidera a oposición”.
Neste sentido,
a portavoz do Bloque lamentou a imaxe dun Feixóo cada vez máis radicalizado que
só busca “o lío e a confrontación” como estratexia para non falar dos problemas
da xente e da súa falta de alternativas para solucionalos. “Está cada día
máis radical e máis nervioso e resulta bochornoso vir unha vez máis á sesión de
control a facer oposición da oposición. Mire, eu pregúntolle por Galiza e
vostede fálame do 23F, pregúntolle polos fondos de recuperación económica e
vostede fálame do 23F e pregúntolle pola campaña de vacinación e vostede fálame
do 23F”, replicou Pontón como un exemplo máis da estratexia de crispación coa
que o presidente da Xunta pretende evitar que o Parlamento “fale dos problemas
reais da xente e da súa incapacidade política para darlles solucións”.
Na súa
intervención, a portavoz do Bloque denunciou que, tras un ano de pandemia, non
houbo un reforzo da sanidade pública, nin sequera para planificar o proceso de
vacinación. E en materia económica, tampouco se puxo en marcha un plan de rescate
real para os sectores máis impactados pola crise, só axudas puntuais “pero
insuficientes para evitar o peche de miles de negocios”.
Parlamento,
centro da vida política
No ámbito
económico, Pontón ve especialmente grave que o Goberno do PP careza dunha alternativa
para defender os intereses de Galiza nos fondos europeos de recuperación, máis
alá de as xestións a favor dun puñado de multinacionais. “Na pasada
sesión de control pregunteille por este tema, pero respondeu como xa é
habitual: crispación, descualificacións persoais e enlodando o debate, porque cada día é máis evidente o seu desprezo
por esta Cámara e máis evidente que lle sobra o Parlamento e está máis cómodo
na súa realidade paralela e na manipulación”, criticou.
A líder
nacionalista considera que, no fondo, ao presidente da Xunta o que lle gustaría pechar o Parlamento, “pero
como non pode intenta boicotealo pola vía da crispación, do insulto, da mentira
e enlamando o debate, todo para evitar un debate político non que haxa
alternativas”. “Xa lle digo que non o vai lograr e que o BNG vai defender que
este Parlamento debe ser o centro da vida política, lugar do debate, de
propostas e de consensos para darlle solucións ao País”. Departamento de comunicación