A CORUÑA | A conselleira de Política Social, Fabiola García, destacou que a
Xunta destinará neste ano 2021 máis de 1,3 millóns de euros á Federación
de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG) para facilitar a
comunicación e avanzar cara á accesibilidade universal. Fíxoo durante
unha visita esta mañá á sede da entidade na Coruña na que estivo
acompañada do delegado do Goberno galego na provincia, Gonzalo Trenor.
A
conselleira visitou o plató no que se gravan noticias adaptadas á
lingua de signos sobre asuntos de interese xeral. Esta iniciativa de
comunicación accesible desenvólvese grazas á colaboración entre a Xunta e
Faxpg. Ao seu abeiro tradúcense, entre outras, as medidas máis
importantes recollidas no Diario Oficial de Galicia, como por exemplo,
as medidas fronte á covid-19 ou convocatorias de axudas. Así
mesmo, puxo en valor a dedicación de FAXPG no apoio ás persoas xordas no
seu día a día con intérpretes que as acompañen en todas as súas tarefas
ou na posta en marcha de cursos de lingua de signos, programas de
logopedia ou programas de voluntariado.
Máscaras transparentes homologadas
Fabiola
García sinalou que as persoas xordas conseguiron recentemente que o
Goberno central aprobase a homologación das máscaras transparentes para
poder ler os beizos do interlocutor. Por este motivo, a conselleira
anunciou que o Goberno galego realizará unha compra masiva destas
máscaras para repartilas, en colaboración coa FAXPG, por toda a
comunidade.