SANTIAGO DE COMPOSTELA | A portavoz
nacional, Ana Pontón, mantivo un encontro con representantes de empresas e
sectores produtivos da comarca de Ferrol para analizar a situación económica e
social que está detrás da folga xeral convocada para o 10 de marzo,
convocatoria que conta con todo o apoio do BNG.
“Unha folga
xeral que apoiamos con rotundidade porque é unha xornada de dignidade e de
protesta de toda unha comarca que non se resigna as ser deserto industrial,
unha que reclama solucións da man da acción política”, salientou Pontón, para
quen “sobran os motivos para o 10M tras décadas de deixar caer os seus
principais sectores produtivos que, curiosamente, dependen de decisións que se
toman no Goberno da Xunta e no Goberno central”. A
líder
nacionalista subliñou que o Bloque vai estar a carón dunha comarca “que
loita, que se rebela contra o abandono e contra as políticas
do PP e do PSOE que actuaron como auténticos “vetos” aos sectores
produtivos de
Ferrolterra, chámese naval, chámese enerxético ou chámese rexeneración
das rías.
“Só estes tres
sectores soportaron unha sangría de miles de empregos ao que se suma o efecto
dominó que iso provoca en todo o tecido produtivo, que pende dun fío. A comarca de Ferrol ten
todo o necesario para ser unha potencia industrial, se o Goberno da Xunta e o
Goberno do Estado deixaran de ser parte do problema e pasasen a ser parte da
solución”, explicou.
Para iso, argumentou, o que precisa Ferrolterra é
política industrial, proxectos empresariais, transición enerxética xusta e recuperar
a ría como sector produtivo básico. “Precisa compromiso político para sacar
adiante un proxecto de futuro, compromiso que debe verse no BOE e no DOG”,
demandou Pontón tras explicar as propostas do BNG.
No relativo ao
sector naval, urxe poñer en marcha canto antes un complexo integral de construción, toda vez que se conta con persoal
cualificado, e modernizar as infraestruturas e levantar os vetos que seguen de
facto sobre a construción naval civil.
En relación ao sector
enerxético, “non se pode tirar a toalla” e simplemente asumir o peche de
ENDESA, por iso a formación nacionalista pon sobre a mesa dúas propostas.
Primeira, vincular
a adxudicación da capacidade de evacuación,
-os 1.400 MW que libera a factoría das Pontes-, a recuperar postos de traballo
que desaparecen co peche da central, e vincular
autorizacións de parques eólicos a proxectos industriais que xeren riqueza
e emprego na comarca.
Tamén no caso
das Pontes e baixo o paraugas da transición xusta, o BNG aposta por un Centro
de I+D+i e de almacenamento de enerxía cun investimento de 100 M€
aproveitando os fondos europeos. A experiencia enerxética das Pontes fai que
sexa a ubicación ideal, explicou.
E a ría como motor
de riqueza e emprego a través do Proxecto
de recuperación ambiental e produtivas das rías galegas, entre elas a
de Ferrol, cun investimento de 1.096 millóns de euros con cargo aos fondos de europeos
de recuperación. “Temos que conseguir que a Ría volva ser unha das principais fontes
de emprego da comarca, xerando valor engadido e toda unha industria arredor da
actividade extractiva”, indicou a líder nacionalista.
No encontro
tamén participaron representantes de traballadoras de empresas e de sectores moi
feminizadas, que tiveron un papel clave nesta pandemia, como o caso das
residencias DomusVi, Gadis ou Leite Celta, presentes na reunión na que tamén
participou o deputado pola comarca, Ramón Fernández.
Traballo feminizado e desigualdade laboral
“Van saír a rúa
nesa xornada de folga xeral en defensa dos seus dereitos laborais, previa cita
do 8M onde non imos quedar na casa, nin imos permitir que a pandemia supoña un
novo retroceso nos nosos dereitos laborais. Todo o meu apoio e solidariedade
con elas como portavoz nacional do BNG pero tamén como muller, sabendo que esta
crise está deixando ao descuberto as desigualdades no ámbito do traballo”,
declarou Pontón. Preguntada polo
apoio do PP á folga do 10M, a líder nacionalista considera que se trata dun intento
de “lavado de cara”.
“Se van empezar
a tomarse en serio os problemas de Ferrolterra benvidos, senón será un novo
exercicio de cinismo político que non se merecen os veciños e as veciñas desta
comarca”, advertiu Pontón, tras lembrar que o Goberno de Feixóo leva doce anos
sen facer política industrial na comarca e, por tanto, e responsable principal
da situación.
“Esta folga ten
que servir para que se produza un punto de inflexión porque a xente está cansa
de promesas e quere feitos, que haxa carga de traballo, que se modernice o
sector naval, que se poña en marcha unha transición enerxética xusta e que se
faga unha política industrial que permite traer empresas”, concluíu. Departamento de comunicación