El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Nacional

CASO REY EMÉRITO

BNG solicita crear unha Comisión de Investigación sobre as irregularidades de Juan Carlos

02-03-2021 15:48:15

MADRID | O Bloque Nacionalista Galego (BNG), conxuntamente con EH Bildu, Junts, ERC, CUP, PNV, PdeCAT, Máis País e Compromís, rexistrou unha nova proposta de creación de Comisión Parlamentaria de Investigación relativa á trama vinculada ás presuntas ilegalidades e irregularidades cometidas por membros da Casa Real e as influencias políticas, diplomáticas e comerciais con Arabia Saudita.

As informacións sobre a vinculación de Juan Carlos de Borbón co cobro de comisións da contratación do AVE á Meca, o uso das chamadas “tarxetas black”, a existencia de contas en Suíza ou as recentes declaracións ante as autoridades tributarias para regularizar primeiro máis de 600.000 euros e agora outros 4 millóns, esixen unha investigación para determinar as responsabilidades políticas -e a partir de aí as penais que puidesen derivarse na vía xudicial- en relación de prácticas corruptas vinculadas á Xefatura do Estado.

En palabras do deputado do BNG, Néstor Rego, trátase de “coñecer as actividades de Juan Carlos de Borbón presuntamente corruptas e irregulares a partir das novas informacións sobre regularización en Facenda de máis de 4 Millóns de euros. Queremos saber de onde procede ese diñeiro e que se aclare todo tipo de prácticas corruptas asociadas á Xefatura de Estado”.

Rego lembra que as forzas soberanistas solicitaron o pasado venres a comparecencia no Congreso tanto da Ministra de Facenda, como do director da Axencia Tributaria e o Fiscal Xefe Anticorrupción “para que expliquen as actuacións que estes organismos puideron levar a cabo -ou non- para esclarecer esas actividades irregulares”.

A formación nacionalista, tras as reiteradas negativas da Mesa do Congreso para investigar a corrupción real apela aos partidos do Goberno para que cambien de actitude. “É necesario investigar e por iso chamamos ás principais forzas políticas, empezando polo Partido Socialista, a que deixen de bloquear na Mesa do Congreso as Comisións de Investigación sobre a corrupción asociada á casa real” destaca Rego Candamil.

Hai que lembrar que, a día de hoxe, o Rei emérito goza da condición de aforado grazas ás modificacións introducidas no ordenamento xurídico aparelladas coa abdicación real en 2014 e a fin e a efecto de “protexer” á figura do Rei emérito por non estar baixo a cobertura constitucional da inviolabilidade unha vez deixado o cargo de xefe do Estado. Recentemente o Congreso dos Deputados debateu e rexeitou -cos votos do principal partido do Goberno- unha Proposición non de Lei en que se instaba ás modificacións legais pertinentes para eliminar a figura da inviolabilidade e a “especial protección” legal dos membros da casa Real, algo que o BNG considera necesario.

“Hai unha semana mostrabamos o noso rexeitamento ao acto de celebración do 23- F que supoñía o branqueamento da monarquía anacrónica e corrupta e especialmente de fuxido Juan Carlos de Borbón. Hoxe reiteramos a necesidade de investigar, pero tamén de pasar páxina, deixando atrás un modelo monárquico que é incompatible cun sistema verdadeiramente democrático no que a Xefatura do Estado debe ser elixida polo conxunto da cidadanía.” sinala o deputado do BNG, Néstor Rego. Desde o BNG e o resto de forzas soberanistas sinalan que “o cambio real no seo do Estado español virá, precisamente, dos procesos soberanistas en cada unha das nosas nacións porque iso é a garantía de defensa de democracia e de xustiza social para todos os pobos do Estado”. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias