SANTIAGO DE COMPOSTELA | O
Consello de Europa solicitou á Mesa pola Normalización
Lingüística que valorase a resposta ofrecida polo goberno
español ás recomendacións de obrigado cumprimento emitidas
en decembro de 2019 polo Comité de Ministros europeo. No
seu informe, a entidade de defensa da lingua denuncia que
o goberno socialista non só evita dar resposta ás
reclamacións de Europa, indicando que accións realizará
para dar cumprimento aos compromisos adquiridos ao asinar
a Carta Europea da Linguas, senón que vai un paso máis alá
e avala a política lingüísitica no ensino da Xunta,
contraria ao galego e á propia Carta, como indicaron o
comité de expertos que a avalía e o propio Comité de
Ministros nas tres últimas avaliacións.
As principais demandas do Consello de Europa consistían en
garantir o uso do galego nos procedmentos xudiciais e na
administración e reclamaba que se eliminasen os limites ao
ensino en galego en Galiza, en referencia ao decreto
79/2010 mal chamado de plurlinguismo. O presidente da
Mesa, Marcos Maceira, denuncia que "o informe do Estado ás
reclamacións europeas se limita a participar da
manipulación á que a Xunta somete os datos estatíticos,
obviando que o uso do galego está prohibido nas mateiras
de matemáticas, física e química e tecnoloxía, as dotadas
de maior carga horaria, e que un de cada catro menores de
15 declaran seren incapaces de se expresaren en galego".
"Respecto á xustiza", explica Maceira, "chama a atención
que sinalen como melloras accións que aínda non se tomaron
respecto á intelixencia artificial, sen sequera indicar
que o programa informático de xestión Minerva aínda non
conta con opción en galego, cando o que requiría o
Consello de Europa era a modificación da Lei Orgánica do
Poder xudicial para garantir a posibilidade de que todos
os procedementos sexan en galego a petición dunhas das
partes". "E no relativo á administración xeral do Estado",
abunda, "é escandaloso que se pretenda pasar como verdade
un suposto complemento salarial polo coñecemento de
linguas cooficiais que nin existe nin se paga, cando nin
sequera nas últimas convocatorias da administración do
Estado se exixe o coñecemento de galego para a prazas
ofertadas en Galiza".
"Xunta e goberno español", remata o presidente da Mesa,
"deben aproveitar as reclamacións do Consello de Europara
para dar pasos significativos na garantía de emprego e
presenza do galego en todos os ámbitos". Neste sentido van
as propostas para a normalización no ensino presentada á
Xunta pola Mesa xunto coas organizacións da comunidade
educativa e a Proposición Non de Lei impulsada pola Mesa e
outras entidades a favor das linguas do Estado. "A mentira
e a manipulación non poden tapar os incumprimentos do
Estado e da Xunta", reclama Maceira. Departamento de comunicación