El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Sociedad

CASO PAZO DE MEIRÁS

Pontón: "Pedímoslle ao Goberno que rectifique e que recorra"

03-03-2021 14:53:37

SANTIAGO DE COMPOSTELA | A portavoz nacional, Ana Pontón, mantivo un encontro con responsables de Iniciativa Galega pola Memoria (IGM), Carlos Babío e Montse Fajardo, en relación á sentenza da Audiencia Provincial da Coruña que obriga a indemnizar aos Franco por ter que abandonar o Pazo de Meirás tras a súa ocupación ilegal durante 45 anos.  

O BNG leva este asunto ao próximo Pleno do Parlamento a través dunha proposición non de lei reclamando, tanto ao Goberno de Sánchez como ao Goberno de Feijóo, que recorran unha sentenza “que é unha labazada aos milleiros de persoas que loitaron pola recuperación do pazo, que branquea o franquismo e que repugna a calquera demócrata”, denunciou Pontón.  

Tal é así que a líder nacionalista considera inaudito a decisión do Executivo central de non presentar recurso, o que leva a líder do Bloque a preguntarse “se existe algún acordo, por activa ou por pasiva, entre o Goberno do Estado é os Franco”, que poida estar detrás dunha decisión incomprensible que supón un “agasallo fiscal” aos herdeiros do franquismo e que mesmo pode facilitarlles a recuperación do Pazo ante os tribunais.  

“Doutro xeito non se entende que o Executivo que se declara máis progresista da historia renuncie a recorrer unha sentenza que atenta contra o sentido común, atenta contra a dignidade democrática e supón darlle ao ditador case que unha vitoria póstuma”, recalcou, por iso, “pedímoslle ao Goberno de Pedro Sánchez que rectifique e que recorra”.  

Para a líder nacionalista é tamén incomprensible que o Goberno da Xunta se poña de perfil, “porque nos parece igual de ofensivo para a dignidade do pobo galego que Feixóo non mova un dedo ante unha sentenza que nos obriga a pagar dúas veces por un ben que foi roubado, que nos obriga a comulgar con rodas de muíño e que nos repugna, cando o que debería facer é defender a dignidade deste País”.  

Pontón recalcou a urxencia de actuar, porque o tempo corre en contra e ten como data límite para o recurso o 12 de marzo, apenas 9 días para facer o que é correcto desde todo punto de vista. Finalmente, a portavoz do Bloque tamén chama a atención sobre o feito de que non presentar recursos pode afectar negativamente ás posibilidades de recuperar outros bens roubados pero aínda en mans dos Franco, como as esculturas do Mestre Mateo ou a Casa Cornide.

Unha reflexión sobre a que tamén incidiu Carlos Babío, para quen non recorrer a sentenza é unha decisión “terrorífica” en termos de impunidade e de branqueo do franquismo e tamén un lastre en termos de “eficacia xurídica”. Pediu á Xunta e ao Estado que, “por hixiene democrática”, presenten recurso.  

Preguntada pola proposta de usar o Pazo de Meirás en actos do 8M, Pontón considera que se trata dunha “provocación”  do Executivo de Feixóo para eludir o verdadeiro debate, o de porqué o Goberno do PP non recorre unha sentenza que é un insulto á dignidade dos galegos. Departamento de comunicación    
 





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias