SANTIAGO DE COMPOSTELA | A Xunta continuará financiando o programa integrado de emprego de Compostela Monumental, que acadou un 70% de inserción laboral na súa última edición. A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, participou hoxe en Santiago de Compostela na entrega de diplomas da terceira edición desta iniciativa na que se formaron 100 mulleres.
Lado puxo en valor o proxecto do Centro Comercial Aberto por enfocalo
nos colectivos femininos de maior risco á hora de atopar un emprego. A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, participou hoxe en Santiago de Compostela no acto de entrega de diplomas ás 100 mulleres que se formaron no Programa Integrado de Emprego (PIE) financiado pola Xunta e organizado pola Asociación de Empresarios e Profesionais CCA Compostela Monumental. Foi un acto simbólico no que, como consecuencia da covid-19, se deron os correspondentes certificados a catro mulleres en representación de todas.
Lado destacou o éxito desta iniciativa que supuxo un investimento de
225.000 euros e que veu superado o obxectivo mínimo de inserción laboral
fixado no 45%, xa que 70 mulleres chegaron a acadar un posto de traballo das que 45 seguen empregadas na actualidade. Así mesmo, puxo en valor o proxecto da asociación por enfocalo aos colectivos femininos de maior risco á hora de atopar un emprego, como o das mulleres desempregadas e en risco de exclusión social, as incluídas no tramo de inserción da renda de inclusión social; as menores de 30 con baixa cualificación, e as desempregadas en xeral.
A directora xeral, ademais, agradeceu aos organizadores como ás alumnas
a súa capacidade para adaptarse en tempo real á formación virtual e
sinalou a importancia de seguir colaborando con entidades, como é o caso de Compostela Monumental, para incrementar as oportunidades das persoas sen emprego. Lembrou que a Consellería de Emprego e Igualdade destinou desde 2009 máis dun millón de euros a actividades formativas desenvolvidas por este colectivo e anunciou unha cuarta edición deste Programa Integrado de Emprego para este 2021, xa que indicou que o
incremento de emprego en Galicia precisa da colaboración das entidades, “os verdadeiros xeradores de emprego”.
Lado destacou que as medidas que se desenvolven a través dos programas
integrados de emprego favorecen a inserción laboral das persoas
desempregadas a través da actividade formativa, prospección e orientación laboral, que mellora o perfil profesional dos candidatos e das candidatas, fainos mais competitivos, e contribúe a súa inserción profesional tras unha reorientación do perfil ocupacional.
“Desde o Goberno galego continuaremos apoiando os instrumentos dirixidos
á mellora da ocupabilidade e da inserción laboral en colaboración coas
entidades e concellos”, apuntou Lado, e lembrou que a Administración autonómica concedeu axudas por un investimento de 8,2 millóns de euros para a posta en marcha de 34 programas integrados de emprego cos que se incrementarán as oportunidades laborais dun total de 3.400 galegos e galegas. Departamento de comunicación