SANTIAGO DE COMPOSTELA | O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou hoxe o Centro
Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) para
coñecer de preto a actividade deste organismo da USC e reflexionar sobre
“a Galicia que queremos no futuro”. “Galicia ten
recursos e capacidade para desenvolver unha estratexia dixital que nos
faga estar á vangarda do emprendemento, do futuro, da tecnoloxía, e non
sempre atrasados cunha fenda dixital que nos pon á cola de España e de
Europa”, aseverou.
O líder dos socialistas galegos pediu
ao goberno galego que “traballe por un gran acordo” no que se aposte
pola intelixencia artificial (IA) como “mecanismo de competitividade e
modernización de Galicia”, xa que o noso país “ten potencial para gañar
os retos dun futuro dixital” que conte con computación avanzada,
tecnoloxías intelixentes ou robots persoais.
“Se non nos
movemos e Galicia non aposta por unha liña de emprendemento que capte
fondos para a dixitalización e a IA, estaremos perdendo posibilidades
para saír desta crise con vías de futuro”, sentenciou o socialista, quen
lembrou que “a IA é un mecanismo fundamental para facer avanzar a nosa
capacidade produtiva, a Galicia na que vivimos e tamén a interrelación
entre todos nós”.
Así a todo, Caballero sinalou que
nesta pandemia “avanzamos cara unha nova realidade”, o que supón que “o
futuro de Galicia será dixital ou non será futuro”, polo que instou a
aproveitar os fondos europeos Next Generation para “optar a grandes
recursos que reactiven noso país e traballen por esa Galicia dixital”.
"Aproveitar o potencial"
Doutra banda, o máximo
dirixente dos socialistas galegos puxo en valor os 600 millóns de euros
que o goberno de España vai dedicar a desenvolver a Estratexia Nacional
de Intelixencia Artificial.
“Temos que conseguir que
organismos como CiTIUS sexan unha referencia na Estratexia Nacional de
Intelixencia Artificial para que Galicia estea á cabeza e non á cola, e
así poidamos aproveitar o potencial dos nosos investigadores, das nosas
empresas e dos nosos centros universitarios, que poden supoñer un avance
na fronteira do coñecemento do mundo dixital e das tecnoloxías
intelixentes”, sinalou.
8M
“Somos fondamente feministas, poñemos en valor o 8M
como referencia fundamental para defender a igualdade e os dereitos da
muller, pero nestas circunstancias cremos que é máis importante facer
actos simbólicos e virtuais que manifestacións multitudinarias”, sinalou
o líder dos socialistas galegos ao ser preguntado polos actos do Día da
Muller.
Por iso, o secretario xeral dos socialistas
galegos fixo un chamamento á prudencia e á responsabilidade e sinalou
que o PSdeG non vai convocar nin participar en actos multitudinarios
para conmemorar o 8M. “Preferimos facer actos simbólicos e virtuais que
compatibilicen a defensa do feminismo coa responsabilidade e a loita
contra o virus”, concluíu. Departamento de comunicación