El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Economí­a

FONDOS EUROPEOS

O BNG alerta de que as condicións dos fondos europeos poden derivar en novos recortes sociais

05-03-2021 13:42:47
Néstor Rego, deputado do BNG.

MADRID | O deputado do BNG, Néstor Rego, advirte sobre a posibilidade de que as condicións ditaminadas pola Unión Europea provoquen unha senda regresiva en que o Goberno do Estado recorte en dereitos sociais. A formación nacionalista adianta que estará alerta para oporse a estas medidas e incide na necesidade de superar esta crise xerada pola COVID-19 con políticas públicas encamiñadas á xustiza social.

Os fondos europeos de recuperación, a pesar de que intentasen vender desde o comezo que non eran condicionados, implican a exixencia de reformas por parte da UE. A formación nacionalista sinala que o Goberno do Estado aínda non explicou en que medida e con que intensidade acometerá esas reformas estruturais que a Unión Europea lle exixe.  O executivo estatal ten até comezos de abril para aclarar cales serán estas medidas mais o BNG alerta de que estas reformas poden supor unha nova onda de recortes sociais.

“Até agora o Goberno español non aclarou cales son as liñas de traballo mais os globos sonda lanzados por distintos ministerios preludian reformas que contradín os compromisos adquiridos polo goberno de coalición, tanto no seu propio programa, como os adquiridos con outras forzas políticas, particularmente co BNG” apunta Néstor Rego, que lembra que no acordo de investidura “unha das medidas que se recollen é a derrogación da Reforma Laboral, da negociación colectiva e das pensións”.

Rego alerta das medidas negativas que se poderían aplicar nas pensións xa que o Ministro avanzou a posibilidade de aumentar o cómputo a 35 anos, o que suporía unha perda de poder adquisitivo de aproximadamente 6% das pensións futuras ou fomentar o retraso no acceso á xubilación, penalizando a xubilación anticipada cunha perda de 8% anual. “Sería volver a unha liña de recortes das pensións cando precisamente o que está reclamando o colectivo de pensionistas e a sociedade en xeral é recuperar o poder adquisitivo perdido ao longo de moitos anos de conxelación das pensións” incidiu o deputado nacionalista.

“Reclamamos subir as pensións mínimas ao Salario Mínimo Interprofesional co obxectivo de recuperar o poder adquisitivo. Tamén para superar as dúas fendas que existen no noso país: por un lado a fenda territorial, xa que Galiza conta coa pensión media máis baixa do Estado e por outro a fenda de xénero” indicou Rego, ao tempo que salientou que é preciso subir o SMI até, como recolle a Carta Social Europea, igualalo a 60% do Salario Medio.

A formación nacionalista tamén sinalou que o Ministerio de Traballo anunciou que trasladou xa 17 reformas estruturais á Unión Europea que inclúen a reformulación das políticas activas de emprego, a modernización de traballo ou a reforma da negociación colectiva. “Isto é moi inconcreto e por iso solicitamos máis información. Estamos falando de eufemismos que implicarán posibelmente un recorte de dereitos no ámbito laboral” apuntou Rego. “Cando escoitamos falar de flexibilización do mercado de traballo pensamos que estamos diante dunha nova redución de dereitos que levaría a un despedimento máis fácil e máis barato” insistiu o deputad, que afirmou que estas son medidas que o BNG “vai rexeitar con toda contundencia”.

No relativo á reforma de carácter administrativo que se realizou por medio dun Real Decreto, o deputado nacionalista advertiu que “a partir desa reforma, o Goberno vai ter máis fácil unha xestión dos fondos europeos máis centralizada, con menos controis, con menos fiscalización e con menos garantías desde o punto de vista ambiental”. Así mesmo, Rego criticou que esa xestión “vai beneficiar a proxectos de grandes empresas, incluídas as do IBEX35, frente a un criterio social que está defendendo o BNG para que estes fondos realmente sirvan ao conxunto da sociedade e para mellorar a calidade de vida e o benestar de toda a sociedade”.

“Temos a experiencia da última crise que, coas medidas neoliberais que se aplicaron, favoreceron ao aumento das desigualdades sociais. Exixímos ao Goberno que teña unha posición activa diante a Unión Europea negándose a aplicar as reformas estruturais que vaian en contra da xustiza social ou impliquen aplicar recortes nos dereitos sociais” concluíu Rego.  Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias