GONDOMAR | O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reclamou hoxe ao
presidente da Xunta que siga o camiño do goberno de España e levante a
peaxe da autoestrada autonómica AG-57 entre Puxeiros e o Val Miñor. O
responsable socialista desprazouse hoxe ata o Val Miñor, onde mantivo
unha xuntanza cos alcaldes socialistas de Gondomar, Francisco Ferreira;
Baiona, Carlos Gómez; e Nigrán, Juan González.
O líder do
PSdeG sinalou que Feijóo “non pode estar de brazos caídos sen facer
nada polo Val Miñor” no mesmo ano no que o goberno de España vai
destinar 63 millóns de euros para bonificar as peaxes da AP-9. O
responsable socialista respaldou esta “demanda histórica dos veciños e
veciñas que queren poder desprazarse entre Gondomar, Baiona e Nigrán ata
Puxeiros en igualdade de condicións que outras partes de Galicia”.
Ademais,
Gonzalo Caballero criticou que “mentres o goberno de España vai
bonificar a AP-9 ata 2048”, o PP ten previsto manter o pago polo uso da
autoestrada no Val Miñor ata 2045. Reclamoulle á Xunta que “tome
medidas, poña fondos e en seis meses leve ao Parlamento un plan de
traballo con financiamento para levantar estas peaxes abusivas” e
recuperar a comarca do “esquecemento da Xunta, que se olvida e despreza
aos veciños que usan a AG-57”.
Así
o dixo nun encontro cos alcaldes socialistas do Baixo Miño no que
participou o rexedor de Baiona, Carlos Gómez, quen reivindicou esta
medida para “facerlle a vida máis fácil e cómoda” aos veciños das tres
localidades e da forte demanda turística no verán. O
alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, considerou “intolerable” que a
comarca teña que asumir “prezos desmesurados mentres pagamos o impacto
paisaxístico dunha mole de cemento que fende os concellos á metade”.
Pola súa banda, a alcalde de Nigrán, Juan González, ratificou o
“fundamental” desta medida para a vida duns veciños que poden viaxar
dende Madrid a Vigo case sen pagar un quilómetro ata que chegan ao Val
Miñor. En paralelo,
Gonzalo Caballero rematou poñendo en valor o compromiso do goberno de
España coas infraestruturas de Ponteareas e da comarca do Condado.
Así
o dixo logo de coñecer hoxe mesmo a posta en marcha da tramitación da
circunvalación de Ponteareas para conectar a N-120 coa autovía A-52 cun
investimento estimado de sete millóns de euros. Sinalou esta actuación
logo de anos nos que o PP “non fixera nada importante” por estas
infraestruturas.
O líder dos
socialistas galegos emprazou ao presidente da Xunta a “colaborar co
goberno de España, non xerar confusión, olvidarse da estratexia de
salvar a Semana Santa e permitir certa actividade pero protexendo a
saúde e o nivel de contaxios” pola covid. Gonzalo
Caballero lembrou que a estratexia de “Salvar o Nadal” acuñada por
Feijóo “fracasou” e provocou un elevado nivel de contaxios en xaneiro e
febreiro, polo que emprazou a non repetir os mesmos erros de cara á
próxima festividade da Semana Santa.
Así, chamou á Xunta a que traballe “con lealdade” co goberno de España para “protexer á xente e evitar a cuarta onda da covid”. Sinalou que “semella axeitado” manter o peche perimetral ata a Semana
Santa fronte á “semiestratexia” de “Salvar a Semana Santa”, que pode
poñer en cuestión a recuperación na loita contra o virus. Departamento de comunicación