BRUXELAS | A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, subliña que é imprescindible unha moratoria eólica que poña freo á implantación dos parques eólicos previstos en Galicia e que incumpren diversas directrices comunitarias, como son a ampliación da Rede Natura 2000, a Directiva da Auga, a Directiva do Hábitat e a Directiva de Información Ambiental, entre outras. “Estamos poñendo en dúbida o modelo eólico que queren implantar os gobernos galego e estatal, porque ten un claro prexuízo para o noso país, xa que se trata dunha burbulla eólica semellante á urbanística”, afirma
“Nas sucesivas visitas aos lugares afectados e as reunións cos colectivos medioambientais, plataformas e asociacións cidadás que denuncian este modelo depredador estamos comprobando como se incumpre sistematicamente a normativa europea”, explica a portavoz do Bloque en Europa, tras o encontro que mantivo con representantes de diversos colectivos, integrados na plataforma Aldeas con Horizonte, xunto ao deputado no Parlamento galego, Luis Bará.
Segundo denuncia Ana Miranda, “toda Galiza está en perigo, xa que a afectación do territorio que poden ter estes proxectos, tanto desde o punto de vista ambiental, como patrimonial, hídrico de recursos agropecuarios é moi preocupante”. Alerta tamén da escasa distancia das vivendas á que están proxectados os eólicos. Neste sentido lembra que xa foron presentadas preguntas dirixidas á Comisión Europea sobre os parques proxectados nas Salgueiras -que afecta aos concellos coruñeses de Ponteceso, Cabana de Bergantiños e Malpica-, Rebordechao e Prada –que afectan a diversos concellos da provincia de Ourense.
“Resúltanos inconcibible que o goberno prefira asumir as consecuencias dun procedemento de infracción que facer cumprir a lei para protexer os espazos naturais”, manifesta a portavoz do Bloque en Europa en relación ao proceso aberto o ano pasado pola Comisión Europea sobre a falta de medidas para protexer os espazos integrados na Rede Natura. Ao respecto o BNG denuncia que o Goberno do PP "fixo a propósito non ampliar a Rede Natura para poder ter o campo libre para autorizar estes megaparques eólicos".
Fragmentación dos proxectos
Tanto desde a formación nacionalista como desde os colectivos medioambientais critícase tamén unha práctica estendida na tramitación dos proxectos eólicos, como é a súa fragmentación. Con este método aumenta o desamparo dos espazos naturais, xa que a declaración do impacto ambiental non ten en conta o efecto do eólico no seu conxunto, desde unha perspectiva global.
Neste sentido, a Comisión Europea considera que o “plan ou proxecto só deberá autorizarse se a avaliación conclúe que non causará prexuízo á integridade do lugar en cuestión”. En concreto, a Directiva europea sobre Hábitats sinala que calquera plan ou proxecto que poida afectar de forma apreciable a un lugar Natura 2000, xa sexa individualmente ou en combinación con outros plans ou proxectos, “ten que someterse a unha axeitada avaliación das súas repercusións no lugar”.
Exportación de enerxía
Desde o Bloque apúntase a outro argumento para poñer en dúbida o pretendido aumento da capacidade produtiva de enerxía en Galiza. Trátase do dato segundo o cal dende o ano 2000 Galiza exporta máis do 30% da electricidade producida, co paradoxo de que Galiza non se beneficia de ser produtora, xa que as empresas produtoras son maioritariamente estranxeiras. Departamento de comunicación